Opinión

O "Sierra Aránzazu"

Non se me asusten, pero teño a impresión de que a Franco lle caía ben Fidel Castro. Ao principio, logo supoño que non. Pero ao principio si. Vexamos. Fidel revolveuse en nome dunha revolución austera e sen apelidos contra a república de Batista –un tipo infame-, si, pero no que as elites e os seus parásitos se divertían: moito descontrol, moito baile, moito alcohol, moito casino, moita chica alegre, moita puta, moita risa, grandes luxos, grandes excesos... A un tipo antipático que sempre ceaba tortilla francesa como Franco seguro que lle chistaba aquelo de “se acabó la diversión, llegó el comandante y mandó parar”. Tamén lle debía facer gracia que un fillo de español fose a pedra no zapato que vengase as afrentas de Estados Unidos. Si. Ese país que humillara a España cando el tiña seis anos -os seus primeiros redordos- na guerra de 1898, arrebatándolle Cuba e Filipinas. Ese país que enviara o Batallón Abraham Lincoln -2.500 voluntarios- a combater nas Brigadas Internacionales. Ese país que lle estaba cobrando caro deixar o seu réxime con vida despois da Guerra Mundial. Ademais Fidel eran moi nacionalista, moi cubanista, e eso da democracia e das liberdades importáballe o mesmo que a el: cero. E que lle sacase as cousas aos ricos emigrantes españois, case tanto lle tiña: a maioría eran masóns, liberais e traían ideas perigosas. Nada nada, había que meter a xente en cintura.

O caso é que cando gañou Fidel, España seguiu con Cuba como se tal cousa: un máis dos golpes militares e das revolucións dos fillos da madre patria. Xa se vería en que acababa todo aquilo. Non había presa e España seguiu comerciando co que aquí se producía. Pouca cousa máis alá de turrón e bonecas, di o tópico.

E vai facer cincuenta anos, o 14 de setembro, dun grave e pouco coñecido incidente armado dun barco español dos que levaban axuda franquista a Cuba saltando o bloqueo da illa grazas tamén ás xestións de Antonio Garrigues, embaixador en Washington. Falamos do covarde ametrallamento do barco “Sierra Aránzazu” por parte dun grupo anticastrista (Movimiento de Recuperación Revolucionaria) armado e dirixido pola CIA.

Cando chegaron a Madrid os cadáveres de Pedro Ibargurengoitia, capitán, e de Francisco Javier Cabello e José Vaquero, houbo manifestación espontánea perante a embaixada americana ao grito de “Cuba sí, yankees no”, na que máis de mil persoas berraron ante a simpatía dunha ampla dotación de Policía Armada que non interveu. O ministro de exteriores, Fernando María Castiella, pola súa parte, chamou a capítulo ao embaixador norteamericano e presentou unha protesta oficial.

Despois, que lle vou dicir, España acabou acatando o bloqueo por iso de que onde hai patrón non manda mariñeiro. E como a maioría da tripulación era galega (os apelidos Caamaño, Casais, Abalo, Castro, Vilas, Pumares, Barcia, Santos, Seoane, non enganan) se cadra non estaría mal que alguén os buscase e fixese unha reportaxe. Deben ter ao redor dos setenta ou setenta e cinco anos. E moito que contar.

Te puede interesar