Opinión

Teatralización do desplante

Só hai tres ou catro anos que vou ver o “desplante” nas escaleiras de Santa María Madre o domingo de Pascua. A verdade é que nunca oíra falar del deica hai pouco. Non sei nada del. Si das desavinzas entre a Igrexa e o Concello desde os tempos de Afonso X o Sabio. Resumindo moito moitísimo: Ourense, capital sueva e católica xa no século VI, quedou despoboada e arrasada coas invasións árabes. Afonso III intentou restaurar a sé no ano 886 con pouco éxito e foi Sancho IV en 1071 quen lle encargou ao bispo Ederonio -o da inscrición de arriba da portiña de Sta. María Madre que dá a Magdalena- unha nova restauración e construíu unha igrexa románica anterior á actual barroca.

En 1122 a raíña Teresa outórgalle o señorío da cidade ao bispo D. Diego, compostelán amigo de Xelmírez, e este, inmediatamente, difunde unha “carta puebla” para atraer poboación e sinala unha serie de privilexios: Que as casas que edificaren e os campos que labraren fosen seus e dos seus fillos. Que se por necesidade ou por cambiar de terra os vendesen que llo comuniquen ao bispo por se quixese quedarse con elas polos cartos que lles deren os veciños, etc. A cousa funcionou ben, chegou xente abonda e con dúas grandes obras públicas en marcha -Ponte Vella e Catedral- e cun sector artesanal do coiro e do viño en expansión, a poboación medrou moito. Chegou a cidade á Praza do Ferro, ao Correxedor, a Lamas Carvajal, vella Rúa Nova. 

E onde hai xente, hai problemas. Toda a Idade Media estivo chea de conflitos a dúas ou tres partes cambiantes: o Concello dos cidadáns dunha parte -artesáns e fidalgos-, Cabido e bispo doutra, e as familias nobres –Cadórniga, Nóvoa, etc.- doutra. O Concello tiña como emblema o escudo do león -para diciren que querían depender do rei (así o da cima da Burga, por exemplo), e o Cabido, a ponte, como símbolo da xurisdición.

Os nobres, claro, cada un o seu. Houbo varios momentos álxidos nestes enfrontamentos: a queima do convento de San Francisco por parte do bispo, en 1292 máis ou menos; a derruba en parte do Pazo do Bispo (1455) polos cidadáns en armas, así como a do castelo Ramiro (1467); a loita entre o conde de Lemos e o de Benavente, na que se destrúe (1473) a porta norte da Catedral, de aí que estea danada hoxe-, e o longo conflito no XVI do chamado “Curral do Bispo” polo terreo que hoxe ocupa, máis ou menos, o edificio do Concello e a rúa do bispo Carrascosa que, anexado á sede do bispo, estrangulaba a cidade en norte e sur pola parte máis estreita. Finalizado o pleito en 1603 abriuse a rúa chamada hoxe Bispo Carrascosa, pero sempre conviviron rosmando. 

Así, ao longo do s. XVII hai moitos episodios de desencontros e pleitos por cuestións de protocolo. Sobre o lugar dos asentos na Capela Maior (1620), sobre o lugar dos maceiros e como debían actuar no interior da Catedral (1634), sobre o lugar a ocuparen nas procesións do Corpus (1673-94), acordo de 1719 entre Cabido e Concello sobre todo o anterior, etc. etc. 

Imaxinen unha cidade, tamén, aferrollada cun espazo de poder relixioso continuo entre Santa María Madre e a Catedral a través da Magdalena, praza e capela, ata o século XVIII. Imaxinen o uso do frontal do Concello para actividades relixiosas -desencravos, celebracións de Semana Santa- do que hai bastantes fotos circulantes das primeiras décadas de século. En fin, sempre houbo mestura e lío entre bispado e cidadáns. 

Así pois, está ben esta escenificación do desencontro e creo que cumpría darlle máis corpo dramatizado -palabras, discursos, desafíos- a este desplante, para que se soubese ben o significado e darlle máis entidade turística e cidadá. Eu aínda non sei se a Corporación non quere subir ou e o bispo que non os deixa. O certo é que aínda non topei nada escrito sobre o tema (como tampouco sobre as Madamitas). Preguntarei e mirarei. E xa lles contarei. 

Te puede interesar