Opinión

UCRAÍNA, RUSIA E EISENHOWER

Seica anda a cousa quente por aquelas terras frías. Voulles dar unha serie de datos e a miña opinión -que non ten que valer máis cá súa- por se lles pode axudar a entender algo o enguedellado lío ese.

Rusos e ucraínos son todos eslavos, veciños e, para nós, moi parecidos. Divorciáronse e non acabou nada ben, porque todos temos as nosas “mochilas”. A cousa é ben complexa e algunhas claves pódense rastrexar na historia da última centuria en Rusia, condicionada polos abaneos radicais das política que seguiron a unha revolución que tivo o seus prolegómenos entre a frota rusa de Odessa -en Ucarína- e lembremos o acorazado Potenkin.

Resulta que os dirixentes daquela revolución que nacera co sinal de obreira, axiña sinalaron os campesiños como inimigos, metendo no mesmo saco a todos os que destripaban terrón. Decretouse a colectivización forzosa das terras e a curto prazo foi un inmenso fracaso e houbo varias ondas de fame. E como os ucraínos estaban moi unidos contra o tema, Stalin decidiu matar de fame aos labregos facendo que entregasen todas as colleitas e prohibíndolles moverse fóra das aldeas. Chámase este xenocidio -como tal recoñecido por moitísimos países, entre eles España- “Holomodor”. As cifras máis fiables falan de 3 millóns e medio de ucraínos mortos de fame en 1931-32. Así pois cando a invasión nazi, os da parte máis ao oeste, aplaudiron aos invasores e combateron voluntarios no seu exercito, como tamén fixeron os cosacos -tártaros de Crimea- e colaboraron ambos no Holocausto dos xudeus con saña.

Entrementres, a zona este de Ucraína, a de fala rusa, a do Dombás e Crimea, seguiron a marcha combatente contra os nazis de Rusia. E Crimea, antiga península de cultura grega -aínda quedan alí 20 mil gregos-, pasou por todas as mans e foi teatro de operacións en numerosas guerras. A todos nos soa o porto de Sebastopol -principal saída rusa ao mar, alí asentado- e lugar dunha feroz batalla na II Guerra Mundial. Desde hai cen anos, pouco despois de liberarse do poder otomano, pasou Crimea ser unha república autónoma dentro de Rusia, da que Stalin expulsou aos tártaros e ucraínos e Khruschev “regalou” a Ucraína en 1954 por cumprírense 300 anos da súa integración no imperio ruso. Daquela, pode ser cuestionada a revisión de fronteiras, por suposto, pero non é nada absurdo que Crimea volvese á situación anterior a 1954 e que os rusófonos de Dombás queiran ser rusos de pasaporte se a cousa se lle pon brava dentro de Ucraína.

E Eisenhower que pinta aquí? Pois que no seu extraordinario discurso de despedida, en xaneiro de 1961, advertiu sobre o grande perigo de que a política, “que ha de velar polo interese xeral”, se volva cautiva do complexo militar-industrial creado para a II Guerra e da elite científico tecnolóxica desenvolvida no momento, e que se rompan os equilibrios todos que sustentan a sociedade democrática occidental, e incluso se saqueen os recursos naturais de hoxe sen pensar nos habitantes do futuro.

E seguindo a Eisenhower, temo que esta crise está promovida por intereses dese complexo militar-industrial-mediático, alleos aos dos cidadáns, incluso, das partes implicadas. Calquera acción bélica en Ucraína tería gravísimas consecuencias para Europa occidental -empezando polo peche da espita do gas que torna o frío nas casas de Europa occidental- e a radicalización dos conflitos territoriais en Europa occidental, mentres que Estados Unidos quedaría ao acollido, por estar lonxe, lonxe. Así que, ante todo, moita calma. E Europa debe apostar por política propia pensando no moito que arrisca. En fin, de Putin nin me fío nin me entra polo ollo, pero Biden tampouco parece que se estea lucindo moito.

Te puede interesar