Opinión

Depredadores na sanidade pública

Na altura do século XVII, Grimmeelshausen resumía no relato do aventureiro Simplicíssimus a crise sistémica daquel tempo cunhas palabras que estouran de autenticidade na actual crise. Os poderosos ripaban co angazo até o derradeiro dobrón da xente e “había que ver entón como cos dobróns saían os saloucos do corazón, as bágoas dos ollos, o sangue das unllas e a medula dos ósos”. Hoxe, na xeira da depredación do común a prol de intereses singularmente privados, destaca a privatización sanitaria que o actual Goberno da Xunta alenta con medidas tan senlleiras como os recentes decretos de tempos máximos de espera e de creación das Áreas de Xestión Clínica.

O de tempos máximos de espera tenta lexitimarse na defensa dos pacientes e usuarios. Para iso transcribe dereitos (libre elección de facultativo, segunda opinión) que xa existían no plano formal da lexislación mais de imposíbel realización até agora por falla de orzamentos. No canto de facilitar con recursos a materialización destes elabórase unha disposición que introduce o dereito á asistencia cirúrxica e de probas especializadas en centros privados con carácter universal unha vez superados uns prazos de inactividade. Coa coartada do dereito da cidadanía á atención sanitaria en tempos razoábeis (40 ou 65 días) que xa existía e non se cumpría ábrese outra xanela para que os grandes fondos especulativos, vampiros á espreita, chuchen os recursos públicos. Claro que o presidente Feijóo xa adoptou medidas eficaces contra estes: inzar de capeláns católicos con nómina da administración os centros sanitarios para que cruz en alto rexeiten esas abominacións de Belcebú.

As Áreas de Xestión Clínica que o novo decreto implanta teñen a mesma semellanza coas previstas na Lei de Saúde de Galicia do 2008 que o tebeo de Ibañez “La perra de las galaxias” coa saga de George Lucas. No canto de seren os previstos entes de coordinación e planificación conxunta de servizos e áreas sanitarias que prevía aquela norma, a Xunta configúraos como engados para que os profesionais colaboren no proceso de privatizacións. Os directores de estas áreas negocian e asinan coa mesma administración que os nomeou a dedo un Acordo de Xestión Clínica onde se concretarán cuestións nimias e secundarias como a carteira de prestacións, o orzamento ou os recursos materiais e humanos dos servizos. Poderán incluso contratar persoal carente de experiencia sen acudir ao sistema actual de listas elaboradas con baremos de méritos. O que se aforre en probas, medicación, atención, reverterá en incentivos monetarios para os xefes que acaden obxectivos.

O mesmo autor de nome impronunciábel escribiu unha dos primeiros romances feministas que se coñecen: “A pícara coraxe”. A súa protagonista aplícase durante o relato a desenmascarar a conduta social dos homes que a consideran un ser secundario ao que nin sequera se nomea. Os profesionais do sector e a cidadanía denuncian decote a impostura do actual goberno autonómico. É unha obriga da oposición cesar nas súas regueifas de leiras e ofrecernos a posibilidade dun goberno que procure unha sanidade pública mais abastada. Th,th,that´s all folks.

Te puede interesar