Opinión

Así, foxa común, tras foxa común

Prefiro non falar nin de comunismo, nin de fascismo. Opto pola acepción de totalitarismo. Mesmo esteticamente se asemellan o un ó outro. Cal a diferenza entre un desfile militar soviético e un nazi? Cantos millóns de vítimas caeron dun lado e doutro? O peor de todo é que se a Roma lle sucedeu o medievo, se ó califato dos Omeias non teñen nada que ver coa realidade árabe actual, xa sabemos que todo cambio e posible, que toda marcha atrás pódese dar en calquera volta das moitas que da a Historia, esa gran pendona. Ou é que a gran pendona é a humanidade?

A Historia vai e ven a impulsos das xentes e cada xeración quere escarmentar en cabeza propia sen aprender dos erros dos devanceiros. Así estamos descubrindo a pólvora cada trinta ou corenta anos. Hai ese tempo estabamos argallando como terían que ser os días de hoxe, estes que vivimos e que sen embargo nos fixeron vivir, nos fixeron soñar convencidos de que neles estaría establecida a sociedade do ocio. Agora vemos que aquel logro das oito horas cotiás de traballo se estiraron de tal xeito nestas doce e catorce que tanta xente traballa e o fai agradecida de poder seguir facéndoo.

O que tal vai de onte a hoxe! Cada vez que penso nelo acórdome dun amigo ó que lle preguntei, hai xa algúns anos, se lle estaban pagando a súa nómina mensual. Ergueu as palmas das mans a altura dos seus ombreiros e respondeume: hai traballo. Consideraba preferible ter en que pasar o tempo sen cobrar un can a estar ocioso todo o día... sen cobrar tampouco un can; é dicir, estaba agradecido. Algunha razón o asistía. Pero a esas chegamos. Estamos repetindo tempos que criamos superados.

Son eu, como tanta outra xente, un pesimista da razón e un optimista da vontade. Necesito ser optimista. Pero recoñezo que a veces costa algún traballo. Acabo de abrir o Facebook, esa caixa na que colle todo, ese corno da abundancia da que nos creemos posuidores, sen nos decatar que pode resultar ser unha caixa de Pandora, e acabo de ler que en Madrid volveron cambiarlle o nome a unha rúa. Non hai moito que tamén lle cambiaran o que tiña polo de rúa do Sinai, o barco que levou a centos de refuxiados da Guerra Civil española. Agora volvese chamar rúa do Cruceiro Baleares en recordo do buque de guerra que bombardeou ós malagueños que fuxían da cidade a piques de caer en mans das tropas comandadas por Franco. Uns din que o bombardeo causou tres mil mortos, outros din que foron cinco mil os masacrados, todos eles persoal civil, xente coma min e coma vostede lector atento. En que prazos e en que días se produciron estes cambios, estes “quítate ti que me poño eu” coma un boomerang aborixe que vai golpea e regresa, pero volve ir e volve regresar e é de temer que siga así ata a consunción dos tempos. Que é o que nos leva a obrar así?

Nin todo o que durante a guerra civil fixeron os republicanos foi bo, nin todo o que fixeron os franquistas aínda despois de finalizada a guerra foi malo. Uns e outros fixeron cousas boas e cousas malas, pero o feito de pensar que toda a bondade cae dun lado e toda a maldade doutro... e vicerversa, iso, esa diferenciación absoluta entre bondade absoluta e maldade absoluta, iso, iso é totalitarismo. Pode ser de dereitas, certamente, pero tamén pode ser de esquerdas. O problema radica no que lle respondeu Castellio a Calvino: “Matar un home é matar”. Ó abrir as foxas comúns dun lado e doutro que mais lles dará ós nelas enterrados ter sido dun bando, doutro ou neutrais cando non indiferentes ou, como se di agora, equidistantes.

A cousa comezaría a cambiar se embaixo do rótulo que sinala a rúa recen rebautizada se colocase outra que indicase que dende o buque así chamado e base de canonazos foron masacrados catro mil civís indefensos que fuxían dos terrores da guerra. A cousa comezaría a cambiar se en Paracuellos del Jarama outra placa indicase que crase de execución, que clase de masacre foi alí levada a cabo e por quen. E así foxa común, tras foxa común, ó tempo que dos muros das igrexas ou ben desaparecían os nomes dos “caídos por Dios y por España” ou ben eran incluídos os dos seus concidadáns que o foron pola mesma España, tamén en non poucas ocasións polo mesmo Deus, pero gobernada esa España baixo outras organizacións e outros principios. Pero témome que morrerei sen ter chegado a ver ese milagre. Antes temos que ser conscientes e asumir o baldón que implica o ser cidadáns dun país que ocupa o segundo lugar do mundo en foxas comúns. So así, sentindo esa vergonza, sendo conscientes dela, conseguiremos superala.

Que produciron as maiores expresións de totalitarismo padecidas no século pasado?    Unha Guerra Mundial con millóns e millóns de mortos, unha posguerra e unha Guerra Fría durante á que do outro lado do totalitarismo morreran millóns e millóns de persoas máis nos campos de concentración coñecidos coma o Gulag.

O ser humano poder ser sublime e pode ser abxecto. Agora volve estar en xogo non só o que significan eses cambios na denominación das rúas, senón o que exemplifican os movementos de tropas producidos nas fronteiras ucranianas tan semellantes ós que houbo noutras antes da Primeira Guerra Mundial. Por terceira vez Europa, ese mal exemplo padecido polos totalitarismos, volve estar no ollo do furacán. Europa molesta, nela existe o maior e millor nivel de vida, as maiores liberdades, os réximes democráticos menos imperfectos, os niveis de educación máis envexables e con todo é o que está pasando a sanidade pública máis eficaz do mundo.

Mentres tanto nós seguimos entretidos en cambiarlle os nomes ás rúas, afirmando que cada domicilio madrileño é un gran hospital e respondendo con memeces a memeces tales. Non estaremos en guerra, pero por se acaso e facendo caso do que cantou Antón Reixa, si estamos en guerra, convén reflexionar.

Te puede interesar