Opinión

Unha canonxía para Ramón Loureiro

De Ramón Loureiro non sei se dicir que é un escritor insólito ou inhabitual; ou sexa, que non hai moitos coma el. Home de fondas conviccións relixiosas, das que ten a ben facer gala, pasease pola frouma literaria, facéndoo con paso firme, sen ollar prós lados, atento tan só ó seu propio parecer con independencia de todo aquilo que “se leve” en cada momento, de cada moda o consideración propia de cada momento. Eu seime amigo seu. Levado dese sentimento de amizade, medio en broma pero tamén medio en serio, xa non é a primeira vez que reclamo pra el unha canonxía na Catedral de Mondoñedo, a por el tan amada. Non mo tomen a broma.

Unha das adiviñanzas da miña nenez dicía “sen min non pode haber Dios, papas e cardeais si, pero bispos e arcebispos non” do que era bastante doado deducir que se trataba da letra “o”. Sempre lamentei que non entraran os coengos no lote; daríalles aínda moita máis prosapia da que o Ramón e máis eu lles recoñecemos. Por iso o lamentei máis aínda cando souben que, tanto pra ser cardeal como pra ser coengo, non era (ou mesmo non o é aínda) ter sido ordenado sacerdote. A Ramón viríalle de perlas ser coengo beneficiario da catedral mindoniense, da que sairía logo do rezo de sextas pra ir botar unha silente conversa co seu señor don Álvaro... que tamén o é de meu e de calquera escritor galego que se considere. Amén.

O caso é que, hai uns días, o señor das Altas Terras de Sillobre e das aínda máis alta de Escandoi, ou sexa Don Ramón Loureiro, recordou nun dos seus escritos a frei Antonio de Guevara, bispo que foi de Mondoñedo, e escritor que nunca debeu ser tan esquecido como o leva sido nas pasadas décadas. Total que volvín a el, a frei Antonio. Os do bacharelato, plan do 53, ou sexa os meus condiscípulos do Instituto do Posío, aínda han recordar como recordo eu o seu “Menosprecio de corte e alabanza de aldea”... que era o que recordaba eu, así que prometéndome relelo máis adiante, levo pasadas xa unhas horas lendo “El arte de marear” que, prá miña vergonza non tiña lido deica hoxe. Polo que xa levo lido permítome afirmar que non lles ten desperdicio. Menos se temos en conta a miña petición dunha canonxía pró meu querido amigo e moi considerado escritor. Verán.

Recorda frei Antonio como os siciomios lle responderon a El-Rei Ciro que, sendo a súa terra como era e estando necesitada do que o estaba, rexeitaran ter sabios nos seus gobernos preferindo, en troque deles, a xentes experimentadas porque “moito millor nos ha ser estar gobernados por quen ten dous anos de experiencia que polo que teña dez de ciencia”; o que, a vista de como se gobernan algúns cabidos, mal de todo nos lles viría nos seus coros a presenza do meu amigo.

A maiores, sendo como é a “titulite” unha doenza tardofranquista e visto como é doado ver tanto doutorado en Harvard ou nas nosas e máis reais universidades, será cousa de non menosprezar, como se despreza, a falta de titulación universitaria de máis dun e dunha aguerrida personalidade da nosa fauna política. Pero deso falaremos outro día.

Te puede interesar