Opinión

O carraspeo dos biempensantes

No prefacio que o propio Sholomo Sand lle fai á edición inglesa do seu libro “A invención do pobo xudeu” -que co seu título en castelán editou Akal, pero que eu me permito escribir en galego, vostedes me dirán por que- o autor recorda o barullo que a súa publicación produciu en Israel. Os bempensantes oficiais -destes hai tantos en tódolos sitios que raro sería que non tusisen ou cando menos carraspeasen- mirárono con desconfianza e crítica.

Sand é profesor de Historia en Tel Aviv e a súa afirmación de que Israel non pode ser definido como un estado democrático, mentres se considere a si mesmo como o Estado do “pobo xudeu” en troques do órgano que representa a tódolos cidadáns dentro das súas lindes recoñecidas (sen incluír os territorios ocupados) ven sendo algo así como se o estatuto do País Valençiá non afirmase que son valenciáns todos os que viven e traballan nel. Pra min que a Sholomo Sand non lle falta razón.

Como non ando posto moi ó día na cuestión esa da música actual e son un vello, ofuscado en non querer confundir a poesía co rap, entre outras moitas máis ofuscacións posibles, non sei se xa terá pasado ou se aínda estará por pasar o episodio ese no que se dirime ou dirimiría a oportunidade de que Tanxugueiras representase a España, ó Reino de España ou ó Estado Español no festival de Eurovisión.

Non sei se tal posibilidade é moi real. Contra ela seica se opuxo xente tan significativa e intelectual e politicamente tan ben dotada como ese ex actor nacido, xa ven, no País Valençiá a quen a xente recoñece como Toni Cantó. Este individuo é actualmente o director de non se sabe ben que enxendro administrativo, titulado como oficina de Defensa del Español, ou algo así; condición esta que a Tanxugueiras e máis ó idioma no que cantan, marabillosamente, por certo, non lle recoñece o moi acreditado intelectual orgánico. De ser certo o boato, (os portugueses seica lles chaman boatos ós rumores) unha canción que non sexa en castelán non pode representar ó conxunto da cidadanía que forma parte do Estado Español.

Iso é o que da de si ou millor dito o que me da a min de si o prefacio, ó limiar se o prefiren de Sholomo Sand. Ó leélo atravésanseme o Cantó, atravésanseme as variedades dialectais andaluzas, venme á cabeza a coñecida e redefinida coma “La Fiesta Nacional” e non lles quero dicir como podo acabar porque estas cousas hai que tomalas de coña e nunca falar delas demasiado en serio. Cada vez que o fas corres o risco de argumentar como eles e , por ese camiño, nunca se chega a ningures que pague a pena ser visitado.

Esquecendo a digresión e sen prexuízo de que non regresemos a ela ou a outra de índole semellante é chegado o momento de recordar que, poucas páxinas despois, na Introdución propiamente dita do seu libro, Sholomo Sand volve ilustrarnos con dúas cargas de profundidade que terían evitado soberbios desastres bélicos tanto na tona coma no fondo do proceloso mar das ideoloxías.

As ideoloxías, eses sistemas de ideas que lle valeron a Dostoiweski pra referir ós conflitos do seu tempo relacionándoos coas confesións relixiosas entón vixentes, pero que, de ter vivido nestes nosos días, terían necesaria e inevitablemente que estar referidos ó mundo das confesións ideolóxicas, dos sistemas de ideas implantados no noso século XX, unha vez tomados como se de profundas fes relixiosas se tratasen. Cuestións de fe. A xente non cre nos extraterrestres e acepta sen problemas que a Elías o elevara ós ceos un carro de lume ou que Jonás pasara tres días no bandullo dunha balea...que foi o que lle dixo á muller e esta, que debía ser unha santa, creullo así sen máis.

Cales son esas dúas cargas de profundidade dirixidas a babor e a estribor da nave que disque pilota ó comandante Cantó? Aí lle vai a primeira. Correspóndelle a Karl Deutsch, profesor no MIT, en Harvard e máis en Yale, e dí así: “Unha nación (...) é un grupo de persoas unidas por un erro compartido encol da súa ascendencia e máis un desagrado compartido cara ós seus veciños”. Ven en Nationality and Its Alternatives, 1969.

Aí lles vai a segunda; esta, de Ernest Gellner, profesor que foi na London School of Economics en Cambridge, checo de orixe xudía que a escribiu no seu libro “Reply to Critics”, de 1996. Di así: “Non creo que dera escrito o libro sobre nacionalismo se antes non dera sido quen de chorar, coa axuda dun pouco alcohol, con cancións populares”.

Como non lles son un ensaísta, nin o pretenderei nunca, tampouco un filósofo ou un antropólogo aficionado voullas deixar aí pra que enreden vostedes durante un bo pedazo de tempo. Recoñezo, iso si, que son un novelista e que tamén son algo enredante pero, díganme, con cal das súas consideracións se identifican máis? cal das dúas é máis certa ou cal máis falsa? As dúas son certas? Son falsas as dúas? Valen tanto pra un roto como pra un descosido?

O libro de Sholomo Sand é de lectura amena, na redacción recórdame moito tanto a Augusto Assía como tamén ó seu fillo Felipe Fernández Armesto, xornalista inesquencible aquel, historiador inspirado este; pero tamén, malia que a máis de un se lle poida antollar algo forzado, á narrativa histórica de María Victoria Fernandez-España Fernández-Latorre, casada que estivo co primeiro e residente que foi un tempo nos Estados Unidos onde é probable que aprendera ese xeito de narrar a Historia que tanto se usa alí e que nola fai tan comprensible eiquí.

Lean o libro con independencia das conclusións ca súa lectura lles depare porque sexa esta a que sexa o que si lles ha deixar ha ser un pouso necesario: o da necesidade da paz e a convivencia entre todos os seres humanos, toniscantos incluídos.

Te puede interesar