Opinión

Ciudad Real, dura e acolledora

Estes días do outono que se acaba, esta luz peneirada polas follas dos castiñeiros que xa amosan as súas caracochas coma puños retortos cara o ceo, este inverno que xa se nos asoma nun solsticio que ha ser, sen dúbida, como tantos outros pois somos nós os que cambiamos, nós os que non andamos indo e vindo, coma as estacións do ano, traendo e levando novas que nos aflixen ou contentan, estes días do outono, adoitan ser un prodixio incontestable.

Pasei un par de días en Ciudad Real, no medio e medio da Mancha. Unha vez alí souben, unha vez máis, que si, que ten razón a presidente boneca, esa Mariquita Pérez que, as mozas da miña quinta, concordaran comigo, tanto se parece á aqueloutra Barbi dos seus anos primeiros; aquela de ollos atravesados e sorriso pícaro, meixelas rubicundas ollada lánguida e beizos de rubí; esa niña-Isabel-ten-cuidado que esqueceu que onde hai paixón adoita haber pecado, poisque foia súa paixón a que a levou a afirmar que Madrid é España, que España é Madrid, e que o demais pouco importa ou é circunstancial. Logo agachou o seu rostro de almasí na sobaqueira de Feijoo non fora ser que alguén pensase que as súas bagoas eran de tristeza pola morte dunha escritora e non de emoción ó se ver en brazos de tan alto dignitario.

Pese a unha hora de AVE que che levao feito de ir dende a Porta de Atocha á estación do AVE ciudarrealeña, a xente que habita nela -non quero nin pensar na que o fai nos seus pobos da serranía- produce toda a impresión de estar abandonada da madrileña man que a todos nos goberna; ignoro se por deixación do poder central ou se por real incapacidade do seu goberno autonómico. Ciudad Real é unha terra dura habitada por xentes acolledoras con quen acude a visitalas.

O mesmo poder ó que me refiro, o central e común, ese que ditou unha pragmática, unha lei no 1492, pola que se regulaba os banquetes de vodas, limitando o seu número de pratos, tamén o de sobremesas e comensais, igualmente o número de días que debían durar e non pasar nunca de tres, ese mesmo poder, debeuse esquecer desta parte do mundo ignorada ou case esquecida pola realidade social do país. Tan só a riqueza mineira espoliada durante tantos anos debeu significar un pequeno respiro prós seus habitantes ó tempo que un grande beneficio pra aqueles que tiveron a fortuna de explotala.

So así se pode un explicar o Casino da cidade, un espléndido e sorprendente edificio, sito no centro dunha cidade que debe oscilar hoxe entre os setenta e os oitenta mil habitantes, no que foi entregado o Premio Internacional de Relato Corto “Café Español” o pasado ou como se dicía antes o próximo pasado día 30 de novembro.

Ciudad Real pode que estea abandonada da man de deus-Madrid pero non da man dela mesma. Ese mesmo día trinta de novembro, a súa alcaldesa , unha fermosa e esvelta muller de nos sei que partido, ocupou a súa tarde en asistir a cinco actos culturais celebrados ese día na súa cidade mentres o alcalde de Madrid andaba a pegar saltiños polos pasais de non sei que illó ou que río, que regueiro ou pozo fondo, como se tal cousa, en tanto ca súa presidenta se abeiraba ó abrazo protector do nos presidente galego non se sabe ben a causa de que motivos malia que haxa interpretacións diversas ó tal respecto.

A actitude da alcaldesa ciudarrealeña é digna de agradecer, tamén de admiración e respecto, me atrevería eu a dicir que por insólita e entregada. Mesmo no acto de entrega de premios ó que eu asistín non nos botou un discurso político-partidista senón outro e ben distinto, de índole cultural, que, en última instancia, resultou ser enormemente político e oportuno.

Tense escrito eiquí mesmo, aínda non hai moito, acerca da intelixencia construtiva dos franceses chegada a hora de integrar na súa cultura os creadores procedentes doutras e distantes, dende Chagall a Picasso, dende Louis Aragon a Aznavour, dende Moustaki a Julian Green e tantos outros. Tamén a actitude de François Miterrand qn, sendo presidente da República, ordenou que en tódolos despachos oficiais figurasen, en lugar ben visible, os “Ensaios” de Montaigne.

Hai ben pouco que Macron, actual presidente da República Francesa, con ben pouco que ver no orde das ideas co anteriormente citado, ordenou funerais de Estado en honor de Jean Paul Belmondo e o traslado dos restos de Josephine Baker ó Panteón de Ilustres de Francia, a carón de Victor Hugo e de Emile Zola, ela, nacida en Missouri, de orixe africana, india e española, bailarina, militante anti nazi, francesa de corazón, que falou dende o mesmo atril dende o que o fixo Martin Luther King o día no que pronunciou aquel discurso inesquecible “I have a dream” o mesmo día que ela cualificou como o máis feliz de toda a súa vida.

E mentres tanto, os que tanto reclaman e peroran contra a Lei de Memoria Histórica, curiosamente os mesmos que seguiron exercendo a violencia durante os chamados primeiros e segundos anos triunfais, xa nos anos de paz, superado o conflito bélico que nos enfrontou a uns con outros e determinou actos de pura barbarie dun lado e doutro, eses mesmos, non asisten as honras fúnebres por unha escritora nacida na súa cidade, néganlle un recoñecemento debido estrañándolle o seu voto, ó tempo que fan mutis polo foro e poñen en evidencia que Madrid, que é España e España é Madrid, tamén está abandonada da man de… Madrid. Unha incongruencia máis como aquela de enviar unha comisión a Estocolmo, ante a noticia de que Pérez-Galdos era candidato ó Premio Nobel de Literatura, coa única misión de procurar, antes as instancias oportunas, que non lle fora concedido tal e recoñecido galardón literario.

Acaso o gran pecado de Almudena Grandes, a maiores de ser roxa e seguir pertencendo ó Partido Comunista, fose deixar escritos os seus outros episodios nacionais que han ser lidos, co paso do tempo, cando xa o propio paso do tempo non teña deixado constancia da existencia de tan altos dignitarios coma os que hoxe gardaron silencio. Será o seu silencio quen os condene.

Te puede interesar