Opinión

Coma quen non quixera a cousa

Neste a modo de diálogo que me traio eiquí co lector amable, moito me teño referido ós meus compañeiros do Inem do 62 que pra min, tamén pra moitos deles non é outro que o Instituto do Posío. Estamos falando de quen fomos rapaces hai sesenta anos. Estamos confirmando que, logo de tanto tempo transcorrido, mantemos firmes lazos de amizade e afecto, de compañeirismo e relación continuados. É algo que sucede en non poucos colectivos, afortunadamente.

Non quero dicir que o noso caso sexa especial, pero entre nós reina dende sempre unha relación que se mantén á marxe de congregacións relixiosas, ideoloxías políticas, relacións profesionais ou mesmo opcións deportivas ou sexuais... o que xa é menos habitual. Moitas veces téñome preguntado o por que o noso compañeirismo é firme e certo, tanto como pra se manter incólume logo de sesenta anos. Baralle o lector todas as opcións expostas, súmelle as que considere, extrémeas na medida que estime oportuna e obteña as conclusións que de todo elo se derive. Eu fágoo de vez en cando.

Onte e hoxe volvín facelo. Entre nós sempre existen seres privilexiados, quen de impor serenidade e harmonía; seres que naceron co don de transmitir, de comunicar a paz interior que sempre os invadiu a eles facéndoo sen alarde ningún e coma quen non quixera a cousa. Antonte fóisenos un deles, antonte morreu Manolo Bugallo que nunca levantou a voz porque nunca lle fixo falta.

Calquera de nós que chegase ou que vivise en Ourense e quixese saber de alguén achegábase a Tanco, a librería que rexentou Manolo Bugallo diríase que durante toda a súa vida, e alí contaba sempre coa información precisa e o vencello de novo establecido. Queda algún máis como Manolo, pero van quedando menos; chegado un día non seremos nin memoria. Pero teremos vivido como seres humanos, como persoas que se apreciaron por enriba ou por embaixo de todas as diferenzas posibles, que se respectaron buscando os puntos de unión entre todos eles. Manolo Bugallo é un dos máis claros exemplos do que digo. Que o seu exemplo nos guíe e se manteña entre todos nós mentres duremos.

Te puede interesar