Opinión

As conclusións son de cada un

Tradere memoriae; o que, ben traducido, pode querer indicar a transmisión de recordos... se ben eu o entendo e non me equivoco moito; por moito que me empeñe nelo en non poucas oportunidades. Fágoo así cada vez que pretendo establecer diferenzas entre o recordo e a memoria. Antes non se andaban con tantas mixiricadas como estas nas que as veces me ocupo eu en andar enredando por ver de darme unha razón da que carezo.

Joubert deixou advertido que o obxecto da arte de escribir non é outro que o de lle entregar á memoria dos homes o que se viu, o que se soubo e o que se pensou tendo en conta que o estilo amigo do recordo é aquel que atrae a atención, aquel que a retén coma se fose unha mosca, colloeira e inxenua, que caese nunha arañeira impúdica. Como impúdica?! Pois si, naquela arañeira que, máis ou menos tecida por nós mesmos, nos retén nela e dela non permite que saiamos. Pois tanto é o que nos gusta o feito de nos columpiar nela, de nos abanear a ritmo dun vals que non ten porque ser relacionado con ningún Danubio, nin azul nin doutra cor calquera.

Ando a corrixir a tradución ó castelán do meu próximo libro escrito “A conto do literario” e atópome co que transcribín, hai nada e deixou escrito Joseph Joubert, cando a versión orixinal xa esta nó prelo; é dicir, o libro escrito coa inconsciencia de entregar á memoria allea o que vin, o que souben e mailo que pensei ó longo dunha non pequena parte da miña vida, sabendo que non todo o mundo o viviu coma min, ou o viu coma eu o vin e, por suposto, non pensando do visto e vivido o que penso eu.

Será a miña unha ambición, millor dito, unha aspiración inútil? Pode que si. Cando menos na mesma medida na que os que viviron os mesmos feitos ca min, os que ouviron as mesmas cousas que eu ouvín tamén o sexa... con respecto á miña. Pero da confrontación dunha visión e outra poderá, o lector alleo de prexuízos obter as consideracións que estime máis oportunas. E así debería suceder con todo. Mesmo cos artigos, tamén chamados acaso algo pomposamente en exceso, columnas. Dígoo porque a min iso do “columnismo” ás veces pode e de feito así o fai, antollarseme unha especie de dontacredismo, levado a ramo ó tocar o tamboril no medio e medio da praza pública, reconvertida á sazón noutra de touros, ou sexa, de astados.

E a conto de que ven todo isto cando xa se nos vai esgotando o espazo, tamén o tempo, probablemente sen que academos a reflectir, cunha coda final, todo aquilo que quixemos deixar entrevisto nas liñas precedentes? Todo? Home, todo, todo non, porque hai que admitir que o lector poida pensar por si mesmo debullando primeiro, inxerindo o que teñas a ben regurxitarlle nunha especie de respiración asistida -non o boca a boca, senón boca a orella- permitíndolle obter as súas propias conclusións sen que llas teñas que dar ti dixeridas porque así non se vai a ningunha parte.

Te puede interesar