Opinión

A democracia non é a de antes

Considerou Lichtenberg que “o grao máximo de liberdade política atópase ó lado mesmo do despotismo”. Qué ben soubo a Constitución inglesa combinar hai tempo a liberdade republicana coa monarquía pra impedir así o paso brusco e total dunha democracia á pura monarquía ou ó despotismo!”

O que se di Constitución-Constitución os ingleses non a teñen; cando menos escrita e redactada ó uso que nós o entendemos. O que si teñen e do que si dispoñen é dun feixe de decisións xudiciais, de tratados, de convencións parlamentarias, de estatutos, de tradicións, que, no seu conxunto, deben constituír a súa Carta Magna, digo eu, pola que se rexen dende que Oliver Cromwell (1599/1658) fixo o que fixo dun xeito que propiciou que Georg Christoph Lichtemberg (1741/1799) escribise o que escribiu e que, aí enriba, lles queda resumido e son cousa e causa do dereito consuetudinario debidamente entendido.

Os ingleses sonlles moi seus. Por darlles unha idea do que se recorda no parágrafo anterior e que, sen dúbida ningunha, os máis de vostedes non ignoran, alá polo 1689 promulgaron a Toleration Act pola que lle quedou recoñecida a liberdade a católicos e protestantes, a liberdade de culto público, o dereito a abrir escolas e o acceso á función pública. Non é unha lei de liberdade relixiosa, senón de tolerancia. Velaí a diferenza. A relixión oficial seguiu sendo a que era e van xa me dirán cantos anos dende entón. Aquilo de que onde hai papeis calan barbas non lles é coma nós pensabamos, pero case. Os que máis contan son os feitos e a creación dunha cultura propia, partindo da base de que sen tradición non hai cultura que se sosteña o tempo que se leva sostido a inglesa. Ou deberei dicir xa británica? Pero tornemos ó rego, se é que son quen de provocalo.

Se Lichtenberg foi traído a colación foi por conta dos tempos que atravesamos. Antonte falamos eiquí de Napoleón. Fixémolo a causa dalgunhas das súas afirmacións -as que nos conviñan naquel momento- e non pola daquelas outras que nos veñen hoxe que nin ó pelo. Cal? Pois esta por exemplo: “Gobernar por un partido significa, antes ou despois, depender del; a min non me collerán! Son nacional!” Pero vaia se o pillaron. Os “situacionistas”, que moito se levaron alá polo 1968, estaban convencidos de que todo poder é de dereitas pois todo poder tende á conservación e iso determínaos. Porén a única verdade é que todo tende á súa extinción. O poder de un, ou de uns, sobre outros tamén ás veces diríase que afortunadamente.

Vivimos tempos complicados e dende xa hai algúns anos estamos véndonos abocados a combinar a liberdade republicana coa monarquía pra impedir así o paso brusco e total dunha democracia á pura monarquía ou ó despotismo, por regresar á consideración de Lichtenberg. Non sabemos, desgraciadamente non sabemos, establecer dunha bendita vez que o que conta, o que debe contar e guiarnos, é a preservación da democracia.

Gozamos do mesmo nivel democrático que desfrutabamos hai corenta ou trinta anos? Honestamente haberá que admitir que non, que non dispoñemos duns niveis de tolerancia e liberdade como os habidos nas dúas primeiras décadas democráticas, as que tanto benestar e desenrolo significaron pra a sociedade pluricultural que formamos os españois.

Isto é así cando o vivido non hai aínda moitos días exemplifica que a opinión pública vai por un lado e moi por diante da considerada oficial e que, a pesares delo, sexa posible o feito que evidencia o que se di. Manifestadas ambas opinións a partires das votacións habidas no Benidorm Fest, o desencontro é evidente. Por un lado a opinión do público é maioritaria. Éo tendo en conta ademais que paga por poder expresala, se ben se recorda, a razón de algo menos de dous euros por voto emitido. Tal opinión así emitida tivo que aceptar o resultado (aínda que pareza que con tres foi abondo) que unhas bases ignominiosas impuxeron: A opinión de cinco persoas, que igual cobraron por emitila, prevaleceu por enriba da de miles que pagaron por facelo. Sóalles a algo?

O que se propón non é confundir as churras coas meiriñas. O que se expón é un mero exemplo de todo o que está a suceder en moitos máis ordes da vida e moito máis a miúdo do prudente e seriamente recomendable eludindo o risco de facelo falando do que eiquí se fala sempre, da esquerda e da dereita, dos monárquicos e os republicáns, do roxos e dos azuis, do Celta e do Deportivo. Agora as posibilidades de exemplificar expandíronse tanto que xa chegan a atinxir a un festival da canción.

Non pode, perdón, non debe ser que cinco persoas se pasen polo forro (digan vostedes por cal) a opinión de miles e miles de cidadáns nun asunto como este que se cita porque pode ser tomado como un exemplo do que está pasando noutros ámbitos. A Constitución do 78 disque é intocable. Pero se hai que amañar o artigo 135 faise nunha noite á marxe da opinión pública. A sanidade pública e mailo ensino non son o que afortunadamente foron e que en mala hora están deixando de ser contra toda opinión pública en contra. Hai realmente iniciativas individuais no Congreso e nos Parlamentos autonómicos? É posible denominar ós deputados como os denominou Victor Márquez Reviriego no seu momento: culiparlantes?

O poder está indo por un lado e a opinión pública polo outro de xeito que as votacións serven pra que os votantes escollamos o considerado como mal menor, como o menos malo do que se nos ofrece, e isto implica unha perda da esperanza. Non perderemos a esperanza, como nos recordaba Napoleón no artigo de antonte, pero si poderemos empezar a temela porque pode implicar o nos deixar ir neste río que nos leva, vostedes xa me dirán cara onde. Obedecer, chegado o caso e según Napoleón é temer. Obedecer mentres se está perdendo a esperanza é o que están facendo os suicidas, agachando os seus propósitos, disimulando a súa decisión, ata que consideran chegado o intre de se auto inmolar non se sabe ben, en moitos casos, se por ter perdida a esperanza, se por amolar ós que quedan creándolles un sentimento de culpa que lle dea sentido ó seu acto.

José Paz

Te puede interesar