Opinión

Estamos debidamente desinformados

Non pensarían que íamos deixar aí a cousa tratada esoutro día e malia que se nos atravesaran polo medio o Jordi Évole, a Megan Maxwell e ise Morad catalano-marroquí no millor dos casos. Dígoo así porque un non é de onde é, senón máis ben de onde ven ou de onde se recoñece e quere ser. 

A cousa non pode quedar, dicíalles, en non máis que lles dar noticia puntual e certa do libro de Jean-François Revel e non volver falar máis del. Os que así pensasen que ben pouco me coñecen. O que en realidade me gustaría facer a min era escribir dun mesmo libro -dun mesmo libro que, por unha razón ou por outra, me entusiasmase- facéndoo semana tras semana ata ter dado cabo del. Pero vostedes e o meu director non creo que mo consentisen; a maiores, a miña capacidade tampouco non me da pra tanto: sonlles un novelista, un contador de historias. De historias que lle suceden a alguén nalgures, sexa este un lugar da mente, unha paisaxe mental, ou un lugar físico como pode ser o que se describe en “Sempre me matan” (Madrid. Mondadori, 1995) unha vella novela miña protagonizada por un ourensán que fai as Américas, regresa á Terra que o viu nacer e acaba volvendo alá, tan lonxe.

Libráronse. Non son un ensaísta. Ben que o sinto porque moito me gustaría ser quen de ir esmiuzando o pensamento alleo, tamén o propio, describíndoos, facéndoos próximos pra vostedes porque, primeiro, fun quen de facelo intelixible pra min. Ten razón Revel, así o creo eu, cando afirma que “xa se trate de difundir a noticia dun descubrimento científico e das súas respectivas técnicas, de anunciar un acontecemento político ou de publicar as cifras que permitan avaliar unha situación económica, o certo é que a máquina universal de informar volvese cada vez máis igualitaria é xenerosa”. Ten razón, é certo, é así.

Os nosos son os tempos dos datos, da información científica e da política. Non lle deixa de asistir un bo criterio a Jean-Fraçois Revel cando nos recorda que a maiores, estes nosos, son os tempos do máis sanguento que nos leva propiciado a historia, caracterizados que están pola extensión das opresións, das persecucións, dos exterminios; os xenocidios e os campos de concentración, a aniquilación de etnias enteiras, a xeneralización das fames irredentas, todos eles constitúen indicios certos dos tempos que vivimos. Nada que ver con aqueles outros tempos nos que as guerras duraban ata que un dos contendentes perdese o número de arqueiros, xinetes ou infantes pactados de antemán entre cabaleiros que se dicían nobres e, non sempre, claro, está pero que na maioría dos casos actuaban como tales,

Nestes días estamos asistindo á sementeira do terror en terras ucraínas. A pregunta é se o que se está a estudar é se ese terror ha dar froitos no resto dunha humanidade encamiñada a episodios posteriores de semellantes índole, ou se ha quedar florecendo de novo nunha poboación que no pasado século xa foi exterminada a forza de facela pasar fame, mentres o trigo que cultivaba lles era negado pra súa alimentación e servía, en cambio, pra sufragar as aspiracións do réxime soviético.

 O exército invasor non loita contra outro exército senón e maiormente contra unha poboación civil que se defende a base de cócteles molotov (ou como pode) mentres o exército ruso abate hospitais e centros asistenciais, hospicios e residencias de anciáns, edificios de vivendas ou colexios de nenos que cruzan unha calle a deshora ou da man dunhas nais temblorosas en tanto os demais estamos tendo cumprida noticia de todo elo mentres contemplamos a tele e imos sendo conscientes dun terror que pode que estea agardando por todos nós; é dicir, mentres os demais estamos sendo informados, ou debidamente desinformados, do que en realidade está a suceder.

Non sei hoxe, pero no ano 11 deste século, na UNAM, na Universidade Autónoma de México, onde pasei un tempo falando en diversas facultades, tamén fun convidado a facelo nunha escola de enxeñeiros. Sorprendeume e así o manifestei. O que me responderon deixoume avergonzado. Levaban cinco anos cun plan de estudos especial que obrigaba a que nas escolas técnicas os estudantes recibisen aulas de humanidades. Logo deses cinco anos estaban satisfeitísimos cos resultados obtidos. Os novos enxeñeiros, a penas egresados, por utilizar unha expresión súa, daban uns resultados profesionais que, considerados a nivel técnico, eran moi superiores ós habituais debido, acaso, á maior capacidade de comprensión do medio que o coñecemento cultural lles proporcionaba.

Sería a mesma comprensión, a mesma aceptación da realidade que nos envolve, a asimilación dos coñecementos que nos imbúen, se os nosos estudantes disfrutasen duns instrumentos de compresión e análise, de ferramenta intelectual, humanística e artística e cultural, ensamblada coa Historia que nos trouxo a todos ata eiquí? Seguro que non.

O venres, neste mesmo espazo, sometiamos á consideración dos lectores o tipo de sociedade que pode axudar a construír unha xuventude que está sendo educada, entendido sexa o término, na súa acepción máis etimolóxica, conducida a propósito de músicas e letras rap ou de literaturas que poidan resultar delicuescentes de tan cheas de humidade como se nos presentan en consecuencia de ter convertido o labor editorial non nunha especie de sacerdocio de xente desocupada, que nalgunha medida si que o foi, senón nunha fonte de beneficios pura e dura.

Toda actividade humana necesita normas e resulta tóxica a idea que sostén que o mundo do comercio, o mercado, se deba rexer sen limites, sen normas que o regulen. No todo debe consistir en facer diñeiro, que tamén, senón en conseguir cidadáns libres e condicións dignas pró conxunto da cidadanía de xeito que “a máquina universal de informar” se ateña, como sostén Revel cada vez máis xenerosa e igualitaria.

Te puede interesar