Opinión

A forza gobernante da mentira

Hai anos, cando inxenuamente criamos ca vida era moito menos complexa do que resultou ser, soñabamos cun futuro no que, chegado o momento do analfabetismo cero, o intre glorioso do coñecemento compartido, cando todo quisque soubese ler e escribir, chegado ese momento luminoso, isto sería Ghaugha ou, se o prefiren Jauja. Inxenuos de nós! 

Pensabamos así porque fixemos nosas a cifra que Hugh Thomas, é dicir, lord Thomas de Swynnerton, dera no seu antolóxico libro titulado “La Guerra Civil española”, tan louvado coma escarnecido; é dicir, a cifra terrible de que España, nos anos anteriores ó estoupido da Guerra Civil, tiña un 75% de analfabetos. Feito este que, unido á práctica inexistencia dunha clase media, produciu as tensións que propiciaron o enfrontamento bélico que hoxe continuamos empeñados en manter na versión de Guerra Civil Fría, produtora de non poucos proídos no pelexo que recobre a convivencia colectiva. 

Nas circunstancias que atinxen á nosa actual colectividade non se albisca por ningures a xeografía mental que imaxinabamos propia de Ghaugha. Cando xa practicamente todo o país sabe ler e escribir a cousa non millorou moito. Aqueles centos de persoas que, chegados os días de feira, asistían expectantes ó recitado dos cegos que cantaban romances, axudados dun pano con debuxos, eran donos dunha cultura ancestral e o abondo sabios como pra subsistir no medio que cultivaban, donos que eran duns coñecementos que chegaran a eles por vía dos seus devanceiros e lles valían pra dominar o medio no que vivían, malia que non soubesen ler nin escribir a maioría deles.

U-la diferenza cos seus netos que xa saben ler e escribir? Mentres os avós dominaban o seu medio por seren donos de coñecementos ancestrais que os vencellaban a el, os seus netos, que si saben ler e escribir, que si teñen coñecemento, o teñen arrombado; non se exercitan nel e todo é tan distinto e cambiante que empezan a facer bo o título que Jean-François Revel, deu ó seu libro “El conocimiento inutil” que a editorial Página Indómita non hai moito tempo que botou á rúa.

O saber, o coñecemento que vencellaba ós avós co medio no que vivían, non só porque lles era útil senón mesmo necesario e imprescindible, deu tal e tan brután xiro que, á maioría dos seus netos, o actual non lles está a servir pra moito cara á súa inserción, á súa instalación, nun medio que eles non dominan, nin da a impresión de que chegue a facelo.

Diríase que antes o coñecemento era propio da memoria transmitida. É cousa de sospeitar que, hoxe, o coñecemento é inoculado repartido, sen crear vínculos intersectoriais que impliquen unha cultura colectiva posible tan só a través dunha información que, por facer propio o comezo do libro de Jean-François Revel, fai que a primeira de tódalas forzas que gobernan o mundo sexa a mentira. 

Te puede interesar