Opinión

Fumar...unha coña

Según chegas a Campo de Criptana e accedes ó centro da vila atópaste coas turbadoras turxencias dunha estatua que alí existe, chantada entre dúas calzadas, tal ca un mascarón de proa destinado a conxurar os espíritos malignos que o vento puidera facer entrar a ela pra gabear polo outeiro e andar caneando entre os muíños que confundirían a calquera fidalgo que, con ou sin adarga en ristre, se aventurase entre eles. A estatua é un monumento erguido en recordo de Sara Montiel, as turxencias as que os lectores se imaxinan e, aqueles que non saiban de quen falo, que busquen en Google e non amolen.

Acordeime de Sara Montiel, a quen vin unha vez no Vilas Vello, o restaurante no que Manuel Fraga adoitaba alimentarse, por culpa daquel cuplé que cantaba o de "fumando espero..." que deseguido relacionei coa evidencia de que somos unha sociedade con moitos, fumes; o que a un tal se lle pode ocorrer! Tantos fumes temos que aínda ninguén xustificou, nin tivo necesidade algunha de facelo, o motivo polo que durante o maldito tempo que atravesamos, este do corona virus, permitiron que seguisen abertos os estancos mentres ditaron que as librerías permanecesen pechadas. Adicción por adicción vese que a da lectura é considerada moito máis perigosa ca da nicotina. Se esta produce cancro, aquela xera díscolos e, xa se sabe, nada peor ca un díscolo. 

Fíxense se será certo que nun concello, do que me negarei a citar o seu nome porque vivo nel, hailles algunha xente que está pensando en suxerirlle ó alcalde que non é ningunha mala persoa que, pese a elo, levante na carballeira central da vila unha estatúa do Discóbolo que, en vez de estar a facer o lanzamento dun disco, o que lance sexa un libro. De aí que xa suxiran o seu título: ó Disco(bo)lo de Brión que, como ven, sona moi ben e mesmo pode chegar a ser máis visitado que o fígado que o finado alcalde Quintanilla levantou n'O Ferrol da Súa Excelencia -cidade natal, como todos saben, daquel pintor prodixioso que foi Urbano Lugrís- en honor de órgano tan importante como pra que, en certas culturas, lle rendan o culto que nos lle prestamos ó corazón. Imaxínano?: "Figadiño meu", en troques de "meu corazonciño!" A vida élles unha coña.

E así andamos. Dende hai uns días seica hai que pedir hora nas librerías, coma no dentista. Acabouse aquilo de remexer nos andeis, sobar os lombos dos libros, adquirir a chamada cultura de solapa, esa solapada erudición que a tantos contenta e a moi poucos engana, e falar a modo co libreiro se tes a sorte de que o teu o sexa, é dicir, alguén que le e opina, esa xoia. A que non se imaxinan consultando co estanqueiro os aromas dos cigarrillos de rubio americano? Co libreiro é posible falar do aroma da cultura e coa súa axuda podes acceder a mundos novos. Quizás fose por iso polo que non deixaron abrir as librerías, demasiadas xentes poderían descubrir eses mundos e eles estanlles tan a gusto no vello que prefiren conservalo.

Te puede interesar