Opinión

Goberno e oposición, oposición e goberno

Levamos xa moito tempo en guerra. Non me refiro á guerra que iniciou ese novo tsar de tódalas Rusias; que o deus ortodoxo o confunda. Desa guerra só cabe desexar que pare, xa que non foi abondo con desexar que non comezase. Non falo dela. Esa guerra é quente. Guerra que mata persoas e destrúe edificios e parques, eidos e colleitas. Mover os marcos sempre implicou desgrazas. Sabémolo ben os galegos.

Refírome á guerra fría civil que a clase política española restableceu, pouco a pouco, según a lei foi facendo derivar, ós representantes dos intereses da cidadanía, en fieis cumpridores dos intereses dos seus partidos, a saber: a facelos loitar pra conseguir o poder, por un lado, ou a empuxalos a loitar pra se manter nel polo outro, alternativamente. Demasiada loita xa, demasiados intereses, puros y duros, a un lado e outro do espectro político. Intereses que foron privando á cidadanía, porque eles non o souberon elaborar, nin se lles acordou facelo, dun proxecto de país; un proxecto de convivencia cidadá, no que se poder contemplar. Non o fixeron, a proba é que non o teñen, e así foron devolvendo á cidadanía ós vellos e cremos que superados e esquecidos tempos dos roxos e dos azuis, dos dun lado e dos doutro, dos bos.

Ignoraban os dirixentes dos partidos, ó millor foi que se esqueceron, que as guerras, aínda as frías, afán á xente a persistir nelas ata acabar padecéndoas nos seos das súas propias organizacións. Por non nos remontar máis lonxe recordemos como Pedro Sánchez foi desaloxado de Ferraz, e por quen, e repasemos o que acaba de acontecer con Casado. As guerras civís instálanse nos corazóns das xentes e chega un momento no que o interés do partido por se manter no poder, ou por non saír del, se instala nos corazóns dos deputados e xa non queren saír do escano e así pasa o que pasa e xa ninguén se acorda de que a política se non é negociación e pacto, é loita fratricida e contaxiosa

Á volta de non se sabe cantos anos volveremos ter eleccións xerais. Con independencia de quen saia delas como vencedor e quen como vencido, ambos, goberno e oposición, oposición e goberno, deberían dar cabo desta guerra fría, acordarse de que son necesarios os Homes de Estado e de que a política senón é negociación e pacto é loita inútil e castrante.

Por iso, a ver se dunha vez, vista como pode ir a cousa en termos postelectorais -e aínda así- é absolutamente desexable un goberno de coalición que negocie e pacte un proxecto común, un proxecto que nos involucre a todos, unha esperanza que atinxa ó común da cidadanía española. O benestar desa cidadanía é o único que debemos buscar e pra iso e non pra outra cousa están os partidos políticos. Veñen tempos duros pola proa, millor ha ser que nos pillen cun proxecto compartido que ocupados nesta guerra civil fría na que xa levamos perdido demasiado tempo.

Te puede interesar