Opinión

O Himno de Pondal e os coreanos

Os himnos non fan preguntas, fan afirmacións; diríase que millor canto máis rotundas. Fano así, de xeito que non susciten dúbidas e pra que, ben pola contra, provoquen acción. A xente non canta himnos chegada a hora de estudar a serie de Fibonacci e se preguntar porque a locen os opérculos das caracolas de mar; con elas outros moitos, moitísimos máis elementos da natureza. Imaxínase alguén un buscador de opérculos cantando, na arealonga próxima a Fisterra, algo así como que din os ventos mareiros a cerca de onde se agachan os opérculos? Eu desde logo non.

Os himnos están ben pra suscitar afirmacións.Aínda que só sexa pra explicalo, sempre preferín a letra de Alfredo Brañas á de Eduardo Pondal. Que lle vou facer! Os que non a coñezan poden buscala en Google. Cliquen Deus fratescue Gallaeciae e logo comparen o texto co de “Que din os rumorosos na costa verdescente? Tamén a súa música coa de Luís Tobío.

Se en troques de andar facéndonos esa pregunta dende hai anos e anos optaramos por comezar advertindo “casta do celtas esperta axiña, ergue do fango da escravitude” outro galo -e non o de Moron, xa saben, o que acabou sen plumas e cacarexando- nos tería cantado a Alba de Groria pola que sempre suspiramos. Tamén me vale o poema de Cabanillas: “Irmáns galegos dende Ortegal ó Miño...” e por aí seguido. Os himnos teñen que suscitar emocións, sentimentos necesarios, esperanzas e valor, afirmacións que non ofrezan vacilacións ningunhas. Imaxínanse, agora que regresan as panxoliñas, unha serie de interrogantes en cada unha delas; por exemplo, estarán o sol e a lúa no portal de Belén? Terá frío o recen nacido? Virán ou non virán os Reis Magos? Claro que han vir, faltaría máis, e o Neno -malia que non o teñan envolto nunha mantiña- está ben como está e eiquí non hai máis que falar, nin nada que discutir.

Meu pai cantábame o himno de Brañas. Unicamente disfrutei escoitando o de Pondal unha vez, en Bonaval, cantado que foi por un coro coreano que lle meteu unha marcha que o dotou do ritmo e da emoción dos que carece, de feito que emocionou ata a Ramón Piñeiro que estaba ó meu carón e non o disimulou en absoluto. Prefiro a solemnidade da Marcha Real do Antigo Reino de Galicia, non ten letra nin falta ningunha a que lle fai.

Ven todo isto a conto do himno da selección galega de fútbol. Acabo de escoitalo grazas a Afonso Eiré, que o colgou no Facebook. Fermosa letra e fermosa canción, si. Pero é un himno que clama pola existencia do que non hai. Clama pola selección, en vez de incitala a camiñar con paso firme polas competicións adiante; algo así como ter fame e tomar bicarbonato. Que quedou logo do bipartito e daqueles dous partidos da selección galega, se é que foron dous os celebrados? A emoción duns miles de cidadáns? Os sentimentos doutros tantos? Evidentemente que quedaron. Pero seguimos sen selección. E tamén sen himno que dea por feito o valor e maila eficacia goleadora dos nosos futbolistas. Non sei que pensarán os rumorosos a conta disto. Alguén o sabe?

Te puede interesar