Opinión

As leis da beleza e a liberdade

Nos anos sesenta e setenta do pasado século, cando aínda non había homes obxecto que se tirasen a auga en slips brancos, dende un elevado cantil, pra ir dar a bordo dunha chalupa na que unha moza esvelta, igualmente nívea en canto á vestimenta, lle tocaba unha nádega meténdolle a man por embaixo do slip, outrora calzoncillo, naqueles anos sesenta e setenta, dicíalles, o canón de beleza cambiaba cada ano. Hoxe xa non. Pero entón si. Claro que si. Eran tempos nos que a ninguén se lle ocorría mercar uns pantalóns rotos sabendo, como se sabía, que con tal de agardar un pouco xa se rompían eles sos sen ter que pagalos como se fosen novos. Pero a vida élles moi misteriosa e hailles cambios espectaculares. Quen os dita?

Dicía Goethe que “pra que xurda o belo é preciso que algunha lei se poña de manifesto”. Que estrañas e non tan manifestas leis rexen hoxe os nosos conceptos de beleza, quen as dita? Confeso que non as sei, pero si que as aceptamos todos, con entusiasmo uns, con resignación outros, con apatía non poucos e bastantes acordándose da nai que pariu ó lexislador. Dise o da nai do lexislador porque xa Goethe, de novo Goethe, advertiunos que “a lei que se pon de manifesto coa máxima liberdade e dacordo coas súas condicións máis propias, é a que produce o obxectivamente belo, que, por certo, deberá atopar suxeitos dignos polos que acabar sendo aprehendidos”. A pregunta é entón a de si as leis que actualmente rexen o concepto de beleza que profesa a maioría da xente foron e son elaboradas coa máxima liberdade. Non digo eu que non estean feitas con liberdade, pero dubido seriamente que o sexan, que estean elaboradas, coa máxima liberdade.

É posible que isto estea suxeito a dúbidas ou cando menos que sexa así como se expón sabendo, como se sabe, que vivimos tempos nos que o concepto de libre comercio quedou obsoleto e que mentres o resto das actividades humanas, está suxeito a leis e regulacións de todo tipo, sexa curiosamente o comercio o que estea libre delas. E vaia si se comercia coa beleza! Dende os primeiros tempos da Historia vense comerciando con ela. Ou seica non?

Pero antes eran os artistas quen definían eses conceptos. Facíano porque buscaban a harmonía e maila perfección, o equilibrio. Pra elo nutríanse de aspectos e consideracións relacionados coa filosofía do seu tempo, tendo en conta dende aspecto anatómicos e matemáticos, ata os estéticos. Só así se entende a Policleto, ó seu Doriforo e o seu canón das sete cabezas. Só a partires de aí se entenderá a Praxiteles, o da fermosa curva que tanto inspirou a Boticelli chegado o caso de aceptala e de apostar pola esvelteza do canón das oito cabezas.

Calquera que fixera, no seu momento, o plan de estudos de bacharelato do 1953, saberá que estou a recordar o aprehendido naqueles hoxe tan distantes días. Non é gratuíto que o faga, mesmo atrevéndome a facelo de memoria, porque é o xeito que, coido eu, debe anteceder á unha pregunta feita sen malicia aínda que pode ser que tamén con ignorancia: Todo isto, terá que ver coa práctica ou sequera coa pretendida desaparición do estudo das humanidades nas nosas aulas estudantís?

Goethe, sempre Goethe, dicía da beleza que viña sendo algo así como “calquera suave e elevada concordancia de todo aquilo que agrada de contado sen nos exixir reflexión nin meditación”. Non se me precipite o lector crítico con estas miñas simplezas de hoxe, porque non vou botar man do exemplo da rosa que non precisa nin meditación nin reflexión ningunha. 

 Déixenme botar man da “Foca” de Brancusi que non é unha foca senón que é “tódalas focas” porque nela se resume dende a lubricidade do seu pelexo, ata o equilibro das súas formas, a harmonía do seu desprazamento acuático e tantas outras calidades que nos levan non só ó disfrute senón tamén á reflexión e ó coñecemento.

Ó longo da historia do ser humano houbo pasos adiante e pasos atrás e sempre, tras uns tempos, viñeron outros, tras Exipto, veu Grecia, tras esta veu Roma; logo chegou a Idade Media. Así que lamentacións as xustas. Resignación toda a que faga falta. Iso si. Pensen nos seus netos e o que lles espera. Os meus xa van bastante crecidiños e están a librar non sei se por pelos ou a causa duns pais que lles ensinaron a manexar armamento defensivo. Leede a Goethe, pode ser de gran axuda. Lean o que segue e acabamos.:

“Se decides: ‘Nós facémolo así’, ninguén terá nada en contra vosa; pero se decides: ‘Tamén deberiades vós facelo igual, facelo así e limitarvos de acordo coas nosas limitacións’, a verdade é que chegades demasiado tarde”. Procuro actuar así, podo supor que estou acertando. Hai anos que non acudo a ARCO, ese mercado obsceno de “conceptos”, non de arte, non de creatividade, non de busca, senón do que Don Ramón Otero Pedrayo chamaría “achadegos de cadeirádegos” que nen sequera son o resultado da busca da doada orixinalidade da extravagancia, senón doutra norma, expresada euros, de xeito que unha banana pendendo dun cravo espetado nunha parede chegue a valer toda unha fortuna... pero non se me ocorre dicir eu non vou, non vaias ti e limítate de acordo coas nosas (ou tamén coas miñas) limitacións.

Cada ano, por estas datas, ou sexa, cada vez que se celebra esa feira mundial de arte contemporánea, boto man de Goethe e dos recordos de xeito que, inevitablemente, ven á miña memoria a figura de José María Moreno Galván, aquel extraordinario crítico de arte que publicaba as súas crónicas na revista Triunfo e se lle entendía o que afirmaba sen esquecer nin a primeira norma pedagóxica. Pero alá se foi con cincuenta e pico anos. Os que non saiban nada del que o busquen en Google, antes de que comece a guerra cibernética ou deixe de se celebrar ARCO.

Te puede interesar