Opinión

Aquel médico segue aí

Dende neno vin exercer o oficio da medicina no seo da miña familia e, algunha vez, pensei en exercelo eu mesmo; logo a vida levoume por outros camiños. Agora sei que o meu tería sido un exercicio á antiga usanza o que non serei si sería moi posible nos tempos que andamos con especialización tanta e tan precisa. Tamén tan beneficiosa e necesaria. Pero especialización que proletarizou a profesión e deixou de ser liberal dende o momento no que o médico pasou a vender os seus coñecementos ós donos dos “medios de produción”. Quen ten hoxe diñeiro pra mercar eses carísimos aparellos dos que dispón a sanidade pública, ou os grandes cárteles da medicina privada... se me deixan que os chamemos así, pese a que sexa legal vender saúde como se fosen salchichas. Porén aínda dentro miña algo me indica que, aquel médico de outrora, aquel ser próximo que che pousaba a man no brazo e non parecía que che sandase pero que si che sosegaba non pouco, dun xeito algo distinto, si, ese segue aí. Como segue o profesor que xulga ó alumno polo que sabe e por como o sabe e non polo que non sabe. Falo deses seres vocacionais que todos coñecemos e identificamos.

Eu son un ser afortunado que sempre conta con ese amigo médico que che transmite ánimo pois, como lles dicía, aínda quedan. Hoxe, un dese amigos, mandoume un longo parágrafo que me vou permitir reproducir eiquí porque o que propón é unha reflexión necesaria. Di así:

“Tamén de acordo, pero a primaria ten que ter un cambio de paradigma. Non estou de acordo en que, porque a atención primaria estea desbordada, se lle teña pouco en conta. Creo que a maiores débese primar á atención primaria, facela protagonista e que volva ser o eixo real da nosa sanidade. Para isto débese facela atractiva, con bos soldos e dotala duns medios diagnósticos (e ó tempo) de tratamentos efectivos deixando a especializada só pra aqueles casos nos que é imprescindible. Diminuír a burocracia e o papeleo. E xa dunha vez optimizar o cociente médico/pacientes. 10 minutos mínimo por consulta. Pero mentres os lobies de gran capital económico sigan buscando a ración do pastel que cren que lles corresponde estaremos mal e iremos a peor”.

A sanidade e mailo ensino deben ser o que son, públicos, gratuítos e o acado e dispor de todos os cidadáns. Permitir, consentir ou mesmo potenciar o deterioro de calquera destes dous dereitos debera ser delito senón de lesa patria, si de lesa cidadanía; ou sexa, delito. O curioso do asunto é que, hoxe por hoxe, a xente, a mesma xente que saía a aplaudir ós sanitarios as vinte horas de cada día, empeza a “estar farta” da desatención que lle prestan os médicos de atención primaria, os mesmos que venerabamos non hai nada, sen reparar no feito de que a súa administración, a organización dos seus actos profesionais, non é tanto cousa deles como das autoridades políticas e sanitarias partidarias da “externalización” dos servizos médicos.

Te puede interesar