Opinión

A miña experiencia co bombo

Antes, tal día coma o de hoxe, os chamados Alfredo, celebrabamos a nosa festa onomástica, a xornada na que nos encomendabamos, unha vez máis, ó noso santo patrón quen, ó parecer, vixiaba por nós e pola nosa saúde espiritual e física o resto de ano. Pero isto éralles antes. A Santa Nai Igrexa cambiou o santoral, hai xa algúns anos, e, dende entón, eiquí xa ninguén se aclara. Mesmo se presta a dúbida se, alá nas celestiais alturas, se darán por enteirados de tan significativo cambio.

Póñome a escribir o véspera do día cinco, próximo pasado, a piques de cumprir os setenta e sete anos da miña vida, sen saber se me terei que encomendar de todo a San Alfredo, unha vez chegado ó día de hoxe. San Luis, tamén me chamo Luis, non me ofrece alá moita confianza. Este santo suplente do que dispoño foi El-Rei da Francia e teño entendido que bastante dado ás mozas, razón esta pola que o supoño entretido, entre celestiais nubes de incenso e aromas de ambrosía, en reverdecer eses soños pasados que seica alí carecerán xa de sentido, pero é de supor e desexar que cada quen teña o ceo que se merece.

Estas cousas, estes asuntos do ultramundo e de aínda moito máis alá, tan alá que deles, malia os esforzos dos teólogos, non sabemos absolutamente nada, estas cousas, dicíalles, hai que tomalas con resignación e calma, pois é o que teñen de certo: que sempre chegan, case que sempre con independencia da nosa propia vontade e por suposto á marxe dos nosos máis ferventes desexos.

Así que se non por unha razón si por outra vou seguir escribindo; o millor tan só pra non perder comba, quen sabe se por calquera outro motivo. Admítense suxestións ó respecto porque o caso é que, se non escribo, que fago?

Bailarín nunca o fun, cantar canto coma un carro, malia que a máis de un se lle antolle que eu sexa un pouco cantante; instrumentos musicais non se me da ningún, nin sequera a harmónica, non sei eu si o birimbao se me dará algo, coido que non, tan só me atrevería co bombo. Cóntollo de seguido porque de algo teremos hoxe que falar.

Hai anos fixen, unha vez máis, o derradeiro tramo do Camiño de Santiago, o que ven dende o Cebreiro a Compostela. Viñamos xente amiga de mollar as palabras cun viño amante e de comer en abundancia. En cinco días engordei cinco quilos, imaxínense. O Bieito Ledo e mailo Antón Pulido encargaranse dos labores de intendencia, ou sexa de víveres e bagaxes, amén da parte musical. En razón dos seus esforzos as equipaxes as transportaba un coche e camiñabamos alegres. Unicamente, chegada a hora do xantar, aparecían os coches e con eles, gaitas e pandeiros, gaitas e tambores e tamén un bombo.

Eu sempre soñara con tocar o bombo, antollábaseme que se me habería dar ben e pedín que me permitiran tocalo. Permitíronmo. Dende entón xa podo morrer tranquilo.

Te puede interesar