Opinión

Nin todo ten que ser arre ni todo so

Cantas veces lle dixeron a vostede que cometera un error deixándose enganar e que, dende entón, vivía nel, que vivía instalado no error, como se un engano fose iso, fose un error. Pra min teño que non o é.

Un error é algo dunha solidez e dunha perdurabilidade moi superior á do engano. Dun engano sáese tan axiña coma se recoñece, tan pronto coma un é consciente del; dun error, non. Un error, pode ser comezado a considerar coma tal, cando adquire a consistencia dun dogma, dunha verdade incontrovertible, dunha verdade que non se presta a discusión e que debe ser defendida coa vehemencia e máis coa contundencia que, na miña mocidade, se nos facía ver como as propias dun carboeiro: A fe dun carboeiro. Curiosamente era esa a fe que se nos recomendaba como a máis desexable. Érao? A algúns foilles ben con ela. E síguelles indo. Por min que lles dure.

O error, aprendino dende ben cedo, penso ás veces que dende demasiado cedo, non é outra cousa máis ca unha doutrina actuante, incesantemente actuante, que nos indica camiños que o máis normal é que se opoñan ó propio sentido da existencia tanto da nosa propia coma a da propia natureza. Quérese dicir que o erro non é só relixioso, senón tamén científico e propio de xentes ilustradas e cultas.

Estes días volvemos andar a voltas con afirmacións solemnes e desautorizacións clarísimas, en distintos sentidos e valoracións. A sociedade volve estar sendo fracturada. De novo estase convertendo nunha cuestión de fe, nunha crenza inamovible e firme, o que debera ser lisa e claramente aceptado como unha realidade, por exemplo: que hai lugares nos que a gandería ten que ter un desenvolvemento intensivo e outros nos que ese desenvolvemento debe ser extensivo. E que do equilibrio entre ambas deberá xurdir o benestar que toda sociedade debe procurar prós seus cidadáns.

Negacionistas, desto e máis do outro, e defensores de todo o contrario ó dos anteriores, trátese do que se trate, pero en ambos os dous casos cunha determinación e un sentimento de ser donos dunha fe cega que lles impide intentar comprender, tan sequera intentar, o punto de vista alleo, uns e outros, estanos a bombardear coas súas consignas e proclamas. E calquera escusa vale, calquera escusa e calquera motivo.

Fotografías de macrogranxas de vacas, moito máis impactantes que as de coellos ou que as de polos, a carón doutras de plácidas brañas e verdes prados compiten pra determinar posturas a favor ou en contra, respectivamente, dunhas e doutras. Deberíase estar buscando xa un punto de equilibrio? Un punto de equilibrio non tanto entre unhas e outras senón entre a vida humana e a natureza que a fai e debe continuar facéndoa posible.

Vivo no campo. Hai trinta anos os cans non paraban en toda a noite porque o raposo andaba cerca. Agora hai anos que non se ve nin o primeiro. A martuxa desapareceu, as donosiñas non se sabe onde se meteron, os esquíos tampouco, o teixugo non aparece, os ouriolos non veñen peteirar os figos porque as figueiras morreron, tamén morreron os buxos e están a morrer as palmeiras. O mel, ó desaparecer as abellas por culpa de non sei que insecticida que seica serviu pra salvar ós eucaliptos, xa parece calquera cousa menos mel, precisamente, e se é que un a encontra propia do país.

É entendible que a xente que vive nas cidades non bote en falla os vagalumes, ou a ras, tampouco os grilos ou as anduriñas facendo posible o verán. É estúpido que teña que recoñecer que o ano pasado me emocionei ó ver revolotexar un morcego alá contra a tardiña. E viron vostedes moitas vacalouras? Estarán todos estes bichos reducidos en macro granxas especiais ou é que todo está a dar a volta pra que acabemos por nos botar ás mans á cabeza preguntándonos que é o que fixemos? Farémolo demasiado tarde?

Non se me alporicen, unha ex alumna miña, tivo unha granxa na que criaba miñocas roxas de California e foille moi ben ata que transcendeu que determinada hamburguesas de marca estaban feitas coas carnes roxas das miñocas tales. Falamos das “cochinillas” da humidade e a súa aplicación, no seu aproveitamento nos iogures; millor non, sempre e cando se nos advirta do que estamos a comer.

Deberemos harmonizar o entorno coa necesidade de alimentación dunha poboación cada vez máis numerosa? Sospeito que si, que deberemos. Pero nunca acadaremos a facelo así mantendo posturas cegas obtidas en razón da fé política que profesemos. A bandeira e coa bandeira a defensa do benestar da cidadanía deben ser ondeadas por todos os partidos, pero non en función, non en busca da rendabilidade inmediata, obtida a conta de desautorizar ou ridiculizar as consideracións feitas polos seus adversarios políticos, senón encamiñada a consolidar unha paz social digna e humanitaria que nos axude a deixar de deteriorar este pequena lixo de pó cósmico a bordo do que navegamos erráticamente polo universo

Das cousas máis atroces que levo visto unha delas foi unha fábrica na que vintecinco mil polos diarios entraban por unha porta, con plumas e cacarexando, e saian pola oposta, xa desplumados e suxeitas as súas aas e mailos seus zancos cunhas gomiñas que con absoluta pulcritude lles puñan unha das moitas máquinas que axudaban a que tal execución en masa fose posible en oito horas de traballo. É certo que o polo era comida de domingo nas casas ricas de antano e que hoxe é recurso diríase que cotiá de case todas. Pero debe existir un equilibrio entre unha realidade e outra, ou cando menos esa debe ser a consigna a impartir. Non todo ten porque ser arre e non todo ten porque ser so. O obxectivo debe ser a alimentación digna da especie humana, si, pero non a obtención de beneficios masivos a conta da degradación do medio ambiente e ó tempo do espírito colectivo que anima ó rabaño humano.

Te puede interesar