Opinión

Noites para recordar, en Madrid

A varela deseñouna Paco Leiro, xa saben, un de Cambados que trunfa en Nova York e onde faga falta. Consiste a varela nunha peza como de prata ou aceiro, longa e tersa, brillante e ríxida, pousada enriba dunha base contundente e marmórea, pero tamén chea de vida, coma se fose un cabaliño de mar que se estirase ó se erguer dun leito de algas deitadas no fondo dunhas augas doces. A tal peza, a varela, outórgaa Melquiades Álvarez como testemuña do Premio Café Varela.

O Café Varela leva instalado dende hai ben máis de cen anos no 37 da rúa de Preciados, en Madrid, nos baixos do hotel que leva tal nome, e, todo ó longo dese tempo, leva recibindo nel ás grandes figuras literarias da nosa e común literatura que o levan distinguido coa súa presenza, participando nas súas tertulias ou ocupando ás súas mesas, chegadas ás horas das comidas, pois debeu tamén nun espléndido restaurante. É o reino de Melquiades Álvarez

Melquiades Álvarez e unha persoa singular ou, dito doutro xeito, un ourensán universal quen de convocar na súa casa de Preciados 37 a unha pléiade de escritores e artistas, de políticos e científicos, de xuristas eminentes, de actores e cantantes, tamén de políticos dun e doutro signo, sentándoos a unha mesma mesa pra que, abeirados a ela, poidan falar en paz e harmonía e, unha vez ben alimentados, acerten a despedirse os uns dos outros en concordia e entendemento como os que en ningunha outra circunstancia se darían. Melquiades Álvarez é o millor embaixador co que conta Galicia na común capital de España.

A Varela de Prata, sólida testemuña do Premio Café Varela, constitúe unha clara demostración desto que se afirma. Nos pasados anos, amén dos galegos ós que lles foi concedido, recaeu nas mans de escritores da solvencia dun Juan Manuel de Prada, por unha e inequívoca banda, ou dun David Trueba pola outra e igualmente inequívoca.

O pasado día 2 do mes que andamos foi David Trueba o receptor do Premio Café Varela e aquilo foi unha festa. A gran voz de Elías Rodríguez, un dos máis preclaros comunicadores deste país, deu pe a unhas intervencións posteriores que, seguindo a pauta establecida por el, transcorreron polos camiños da ironía e mesmo se diría que da retranca que disque é cousa de nós, pero na que tamén se aplican por aí embaixo.

Dende o propio David Trueba, pasando por Manuel Jabois ou chegando ó Gran Wyoming, todo foi unha demostración de inxenio e se diría que de fair play no máis amplo sentido da expresión atentamente seguida dende as mesas ocupadas, coma sempre o son, por xentes de distintas ideas e tendencias que, como isto no é unha crónica de sociedade se van quedar sen saber quen foron. Ó final saíu Rosa León e cantou unha canción de amor. Hai noites que son pra recordar. Esta do pasado día 2 da que lles falo, é unha delas. Melquiades Álvarez foi o seu gran demiurgo.

Te puede interesar