Opinión

Novelas entre costuras e das outras

A min, como a calquera outro cidadán, o que me sobran son cousas que me irriten. Unha delas é a literatura confesional. A haxiográficamente confesional, enténdaseme, e, non porque sexa mércores, ímonos limitar a falar desas novelas que, cando as vas lendo, vas sabendo de que pé coxea quen a escribiu. So hai peor ca un escritor de dereitas un de esquerdas que, todo ó longo da súa escrita, te estea a dicir o bo dos seus postulados ideolóxicos. E viceversa. Vale o dito pró católico, o marxista, o queer; ou pra calquera outro equiparable a estes en idéntico sentido.

 

Comprenderá o lector atento que isto de viceversear (déixenme dicilo así) sexa igualmente aplicable a un texto que destile machismo, puro e duro; ou a aqueloutro que o que faga sexa un alarde de feminismo, puro e duro, que tamén o hai, vaia se o hai e vaia se non se xustifica coa secular opresión da patriarcal supremacía. Sabendo que estas miñas de hoxe poden ser consideradas palabras non sanctas recorrerei a unha afirmación que tamén foi así considerada no seu momento. Acórdanse cando, nos tempos da ditadura, había túzaros que esperaban con agrado que os explotados pasasen a ser explotadores e os explotadores a explotados? Acórdanse? Era irritante. Co que había e co que aínda hai que acabar é coa explotación do home polo home. Non sei si se verá ben por onde quero ir e a onde quero chegar. Póñanlle algo de vontade.

Cando leo unha novela e vexo demasiado nitidamente que foi escrita por unha muller, ou por un home, acórdome das meninxites: o que máis importa delas é como se apeliden. Non é o mesmo unha que outra. Hainas letais e hainas das que un pode saír. Na literatura non é así. Non importa o apelido, senón que mesmo estorba. O que importa é a Literatura. Acabo de ler unha espléndida novela na que, en ningún momento, asomou o xénero da súa autora. Non crea o lector amable que, no totum revolutum no que se nos converteu o noso mundo editorial, isto é o habitual. Non o é. O mesmo que hai moito xastriño exercendo de literato hailles moita moza ocupada en escribir novelas entre costuras e xa vai sendo moito horas de ir poñendo as cousas no seu sitio. O mesmo que hai moita mala novela escrita por homes, tamén hai moita igual de mala escrita por mulleres e isto do politicamente correcto está a nos poñer moi difícil tal distinción.

Acabo de ler “Azucre”. Escribiuna Bibiana Candia. Editouna Pepitas Ed. Recoméndolla vivamente ós amantes da (boa) Literatura. Abstéñanse os sucesores dos vellos seareiros de Corín Tellado. Esta é unha novela seria. Descríbese nela a ¿epopeia? dos galegos que a mediados do século XIX emigraron a Cuba levados da man de alguén de infausta memoria -o deputado Feijoo Sotomayor- pra os converter en escravos. Como sería ese trato que os escravos negros, que non admitían ós brancos nas súas sociedades secretas, nos seus ñáñigos, de axuda e socorro mutuos, si admitían ós nosos paisanos. Léana. Esta escrita con paixón polo ser humano e cunha mestría envexable.

Te puede interesar