Opinión

Por orden analfabética

O meu dilecto Vázquez- Monxardín (seguro que isto de dilecto o fai sorrir) recordaba hai uns días o moito que o finado Blanco-Amor adoitaba parafrasear a Rilke afirmando que a súa patria era a súa nenez. Casares, de quen se falou eiquí hai tres días, era moi amigo de recordar o episodio no que, tendo coincidindo os dous Blanco-Amor, na antesala de acceso ó despacho non sei se de Eva Perón, ó entrar o uxier pra reclamar a presenza do señor Blanco Amor, diante da arrebatada dama que foi a esposa do presidente arxentino, os dous se ergueron pra se dar o un de fociños co outro diante xa da porta de entrada.

Nese instante José Blanco Amor, nado en Bergondo no 1912 e escritor autodidacta, ó que Eduardo Blanco Amor, ourensán de nación, colleita do 1897, non podía ver nin en pintura: un -malia ter sido secretario da ORGA de Casares Quiroga, a quen Franco fixo borrar do rexistro civil- disque era do “réxime” mentres que o outro e noso non o era en absoluto...e os dous eran escritores. Érano coas confusións propias de coincidencias como a que Carlos Casares recordaba. Así que, seguindo cos recordos reavivados por Casares, nese momento, o Jo- sé botóuse atrás e cedéulle o paso a Eduardo:

-Por orde alfabética -díxolle galantemente-, vostede primeiro.

Eduardo seica se revirou como só el sabía facelo e respondeulle de contado:

-Non, millor por orde analfabética... e se retirou mentres o empuxaba por diante.

José era autor de obituarios e Eduardo é o autor de “La catedral y el niño” novela que editou Losada, en Buenos Aires, e que se me quedou nunha desas bibliotecas que, a miña algo estrafalaria vida foi facendo que as deixara tras miña; quero dicir que hai moitos anos, moitos, que a lin. Non volvín ler outra que me obrigara a calar o que penso dela e repetirei de novo: que é a millor novela realista española escrita na primeira metade do século XX.

Xa sei que a xente valora moito “A Esmorga” –eu tamén- malia que prefira a ela “Os biosbardos” e mesmo “Xente ó lonxe”; pero é que sigo pensando que é a lingua a que ten que estar ó servizo da Literatura e non ó revés... como algúns pretenden. Xa lles advertín que eu son algo estrafalario. Pásame o mesmo con Risco: que non lle valoro nada “O porco de pé” e prefiro calquera novela de Otero Pedrayo a quen, se os nosos novelistas mozos o leran un pouco máis, outro galo nos cantara a todos. Pero sigamos coa “La catedral y el niño” na que Blanco Amor percorre un territorio máxico, creado ó redor da catedral ourensá, que lle pertenceu na medida que só lendo a súa novela se pode valorar. ¿Cántos ourensáns a teñen lido?

De ter sido Blanco Amor, un escritor, que sei eu, catalán ou mesmo basco, de non ter sido de eiquí, é dicir galego, sería hoxe considerado o grande escritor que foi e que a maioría dos españois descoñece por completo. 

Non sucede así cos escritores cataláns que se expresaron en catalán e poñan vostedes os nomes que eu inda conto con amigos entre alguns deles e o mesmo van e se molestan.

Agora que o Baltar fillo anda coa leria esa da ourensanía, e abofé que anda ben e a tempo, sería bo que ese concepto que todos entendemos sen que ninguén nolo explicara abranguera realidades como a do noso grande Parada Justel, ou a do máis recente Xaime Quesada, ou dos aínda presentes Acisclo e Buciños e con eles, todo o que esta cidade leva aportado á cultura e non fará falla ningunha que eu empece a citar, dun en un e sen respiro.

Recoñezo que, máis que conseguir todo iso, é ben máis doado trouguer a Robert Kennedy Jr pra que se dea un chapuzón nas frías augas primaverais dos nosos ríos e pra que fale logo de nós, entusiasmado, polo mundo adiante. Recoñezo que iso é ben máis fácil que concitar a anuencia dunha burguesía ourensán que, se foi quen de potenciar a obra arquitectónica dun Daniel Vázquez Gulias, tamén o foi de, pasados os anos, ser igualmente quen de botar embaixo todo o fermoso patrimonio arquitectónico por il creado. Élles o que vai de avós a netos, madia leva, pais por medio.

A patria dun home son a súa nenez e maila súa adolescencia, recordounos esoutro día o Afonso Vázquez-Monxardín, lembrando a memoria do Eduardo Blanco Amor a quen tantas portas se lle pecharon cando retornou a Ourense e non sóa Ourense ou en Ourense. Tamén algunhas se lle pecharon a Risco e non só eiquí. Arturo Lezcano pode dar memoria dalgunhas delas se fora o caso de que pagase a pena. Pero non o é.Ou tal iso eu creo.

Agora e de novo estase perfilando un horizonte que devolva a nosa cidade, e con ela á provincia enteira á que lles presta o nome, a realidade cultural da que disfrutou en tempos cando,malia ter as estradas que tiña -seino ben: entre Ourense Pontevedra veces houbo de que me levou sete horas a bordo do Auto Industrial- Ourense foi quen de abrir camiños polos que transitar Galicia enteira mesmo ata o día de hoxe.

Quizáis, este meu, se lles antolle a on poucos de vostedes un exceso de entusiasmo. Algunha razón seguro que non lles ha faltar. Pero é que onte xantei cos meus compañeiros/as do Instituto do Posío e malia estar escribindo estas liñas uns días antes xa sabía o que me ía topar entre eles: o renovado entusiasmo que tiñamos hai máis de medio século cando rematamos o bacharelato.

Falamos moito por WhatsApp e non fai falla moito esforzo pra saber das súas arelas e deducir que han ser os nosos fillos e netos os que han sacar ó país deste marasmo que se diría secular e nos manten colectivamente adurmiñados. Individualmente, entre nós hailles desde xenerais ata médicos eminentes, financieros importantes, profesionais desto e máis daquelo, persoas de ben que aínda están a bordo e xentes cabais que xa se foron.

Deles tamén nos acordamos. O resto que eu podo dicir é pura literatura, ilusionada literatura sobre unha cidade e un tempo que a todos nós pertence. Celebrar o pasado é concitar o futuro. 

Te puede interesar