Opinión

San Brais, católico ou anárxiro

Como agora as cousas cambian tanto, fano dun día pra outro, non como antes que duraban anos e anos, non sei se tal día coma o de hoxe seguirán a se casar os paxariños. Supoñamos que si. Polo menos os que rechouchían e trinan e cantan e nos aledan a vida; eses si contraerán nupcias, aproveitando que mañá é a festividade de San Brais. As vellas xeneracións xa sabemos por que o recordo, pero déixenme que llo vou deixar explicado, ben explicadiño ás novas, tan necesitados delas, de explicacións, máis nestes días no que o que abunda son cantantes. Aí lles vai.

San Brais foilles médico, alá na súa Armenia natal. Ser era un eremita, pero vese que tiña días laborais, días festivos e días de oración intensa e meditación. Nos de traballo levábanlle ata animaliños pra que os curara e tivera conta deles. Hai discusión de si era un santo auxiliador, ou sexa, católico, ou se o era anárxiro. Aquel sería un santo que a cambio de sandar cobraba; este sería ortodoxo, ou sexa que non cobraba. Os ortodoxos seica non cobran por prestar estes auxilios.

O caso é que os paxariños, en ocasión de nupcias e botar a cantar, deberon decidir que había que celebrar o día e que a xente, xa se sabe que unha canción, ou unha boa bailada namoran más ca un poema, acordou facelo patrón dos males da gorxa. Seino ben, tal día como o de hoxe, unha miña tía levábame sempre á capela do Santo Cristo que hai na catedral; nela, ó entrar, do lado da epístola, botaba man dun cordonciño que alí había e púñamo arredor da gorxa a fin de evitarme no futuro as amigdalites e outras doenzas.

Supoño que a miña tía consideraría o rito católico, pero non estou seguro, porque nunca a vin deixar unha esmola no peto do santo; o que pode explicar a amigdalectomía padecida por min ós meus 29 anos, a falta de entoación nos meus amorosos trinos e a incapacidade de namorar a unha moza nin cantando, nin bailando; o que explica que me dera pola poesía, pero tampouco. Cos santos hailles que andar con moito coidadiño, nada de andar pretendéndoos católicos, ou sexa auxiliadores, pero non pagándolles nada coma se fosen ortodoxos, é dicir, anárxiros. Digoo porque se poden sentir molestos.

Seino ben. Como non descoñecen os meus lectores máis avisados, eu sonlles de Allariz e alí veneramos a San Bieito quen, dende o alto do campo da Barreira, vela por todos nós e coida de que non teñamos verrugas. Non lles quero contar as que me saían a min nas mans cando era neno. Moitas. Ata que un día acordei encomendarllas a San Bieitiño bendito, ofrecéndolle un litro de aceite, según era o costume. Desaparecéronme todas. Pero seguín o rito ortodoxo e ata hoxe aínda non llo levei. San Bieito, será católico, será ortodoxo ou mesmo será as dúas cousas, non o sei, pero o que si é, sen dúbida, é un santo con boa memoria. Dende que son vello as verrugas volveron. Agora proliferan por onde a elas ou a San Bieito se lles ocorre. Se mañá acoden a San Brais, tráteno como católico. E se alguén débelle aceite a San Bieto, millor ha ser que llo leve.

Te puede interesar