Opinión

Rir por non chorar

“Pensar incomoda como andar à chuva / Quando o vento cresce e parece que chove mais”. (O guardador de rebanhos, Alberto Caeiro –heterónimo de F. Pessoa-).

Querido sobriño: Eu son dos que opina que a parte do corpo humano, situada máis preto do sol, debería cumprir misións máis dignas e proveitosas ca de ter man do chapeu. Por iso, cando pillo a alguén coa azotea espida, non deixo de aconsellarlle que trate de cubrir a cachola, a fin de evitar as quenturas dos citoplasmas das células cerebrais, e procurar que o sol non lle derreta o ácido ribonucleico, ata licuarlle –ou gasificarlle- a mínima e desexable consistencia do aparello encefálico. Vaia! Recoméndolle adoitar medidas de precaución que lle agarimen os miolos, para lle propiciar a temperatura idónea que lle axude a xerar ideas atinadas, no canto de cuspir parvadas, propias de mentes en estado gasoso. Fume que se esvaece! En fin, unha pucha ben enterrada na testa sería a mellor solución, a máis barata e solución máis práctica que debería adoitar calquera representante público, antes de trousar chambonadas que provoquen a risa –ou o anoxo- da sufrida veciñanza.

Por moito que me empeñe, non vou ser quen de deixar de lado os reiterados comentarios sobre o comportamento dos claustros edilicios dos principais concellos galegos. Santiago, A Coruña, Ourense…, convertéronse no noso pesadelo cotián, capaz de suscitarnos a risa o facernos chorar, segundo o estado anímico que teñamos en cada instante.

Os recentes aconteceres, protagonizados pola maioría dos concelleiros ourensáns, trasladando sistematicamente ao ámbito penal cuestións que, previamente deberían terse tratado con máis rigor e intensidade nos campos da política e do dereito administrativo, só serven para embobar ao respectable público e deixar de lado o cumprimento das tarefas que deben exercer os representantes de todos, encomendadas polos cidadáns, de xeito que uns traten de aviar o cotarro e outros controlen aos que lle toca gobernar.

Ah! Se Montoro non expuxera tanto a cachola ao sol, se gastase pucha e se, no canto de parir ocorrencias a diario, criara algunha idea sensata, xa hai tempo que tería reformado a lei, chea de remendos, que impulsou hai cousa de tres meses -Lei de Racionalización e Sostibilidade Local- para emendar acaidamente a estulticia de retirarlle competencias e intervir aos pequenos concellos, que funcionan con absoluta normalidade, inventando un organismo serio e rigoroso, que lle faga entrar en razón aos concelleiros das principais corporacións galegas, responsables da inestabilidade orzamentaria, culpables da débeda municipal, e expertos en converter a Política en circo, para que se acaben facendo maiores e cumpran coas súas obrigas, deixando de perder tanto tempo en colosais parvadas.

Unha aperta do teu tío. Lisado Quintas Teixeira.

Te puede interesar