Opinión

BUROCRACIA

Averdade é que nunca me parara a pensar na procedencia desta palabra. Utilizábaa, coma vostede, así sen máis -sempre, iso si, dende unha perspectiva ou cunha clara intención negativista-, pero sen decatarme de que a súa orixe ven de onde ven.


Onte, sen embargo, acabei por caer da burra -sempre ten que haber unha razón- ó ler a información que recollía este xornal sobre ese insólito camión que un mes despois de terse esnafrado contra unha casa de Loiro continúa alí, agardando -é de supor- a que ós propietarios do fogar afectado se lles acabe a paciencia e decidan substituír o que queda do parabrisas por unha pantalla de plasma de cincuenta e pico pulgadas e boten unha pequena planchada sobre o enganche da plataforma co fin de facer sobre ela unha cumprida terraza con vistas directas á estrada nacional-.


Andaba eu concentrado na cavilación de cómo entrarlle a esta enquistación informativa que supón a incorporación do camión ó plan urbano de Loiro cando me dixen a min mesmo: ¡Claro, ven de 'bureau', é dicir de oficina! Ou, o que ven a ser o mesmo, quere dicir 'oficinocracia', que é cando todo o está dominado polo síndrome da administración, aquel que xa presidía a vida española cando a principios do século XIX escribiu Mariano José de Larra o seu 'Vuelva usted mañana' e que se mantén en plena vixencia, talmente se tratara da novela gañadora da última edición dos premios 'Xerais'.


Cada vez que paso -para arriba ou para abaixo- ó seu carón (e durante todo o mes teño pasado unhas cantas veces) a insólita ubicación, con ou sen miróns ó seu lado, lévame provocado uns cantos pensamentos que teñen que ver tanto co propietario do camión, como respecto dos donos da vivenda e mesmo en relación coa terceira persoa -o conductor do vehículo que seica provocou o accidente- que coa súa imprudencia deu pé a tan insólito 'monumento'. E concluíndo sempre en que calquera das tres partes ha estar devecendo por pasar páxina e verse fóra do incidente, a pregunta final que me invadía ó chegar ó meu destino era por qué estaban tardando tanto.


Iso, ata onte pola mañá, cando lin que é a burocracia -é dicir, a dictadura do papeleo- a responsable de que o camión se vaia transmutando a medida que pasan os días nun inmoble máis de Loiro.


Burocracia, outro dos mantras ó que esta sociedade reformista lle vai ter que meter man se quere que a Administración deixe de ser unha rémora para facer deste noso país un país eficiente. Aínda que me dá, que nisto, coma en tantas outras cousas, estamos a camiñar precisamente no sentido contrario.

Te puede interesar