Opinión

Cervantes e a miña palabra

Non é por incordiar. Nin moito menos. Pero, como a actualidade manda e de actualidade, fóra do ámbito da política, estivo, entre outras novas, a presunta aparición do pó de ósos no que ó longo dos séculos de anonimato se transformou a vida de Miguel de Cervantes Saavedra e que non é a primeira vez que traio a colación a vida do escritor e a relaciono coa provincia de Ourense (nalgún caso coa comarca do Ribeiro -ou, mellor dito, co viño do Ribeiro- ó que cita en máis dunha pasaxe das súas "Novelas exemplares" e noutro máis iniciático coa miña terra de Celanova) voume permitir facerme eco, uha vez máis, como noutrora fixera Celso Emilio Ferreiro, da presunta relación do mentor do Quijote con este lugar "onde o mundo se chama Celanova".
Vexamos, pois...
Se vostede fose un pouco estrafalario para estas cousas da historia e as orixes das xentes e se, por un casual, se lle dera por escribir no Google "Cervantes e Celanova", ademais de acabar sabendo que a vila de Rosendo, Curros e Celso Emilio, conta cunha praza que recibe o -entre outros- nome do inmortal Cervantes, e que esa denominación convive con outras que ó longo do tempo lle outorgou o rueiro municipal e que algunhas consérvanse por mera tradición popular como "Praza das Pitas", "Plazuela" ou "Praza de Zorrilla", tamén acabaría sendo coñecedor (e velaí a curiosidade que me move a min a escribir esta columna) de que a súa liñaxe provén, como tantas outras cousas ou historias, da terra de Celanova.
Si, xa sei que, ó igual ca Colón, Fernando Magalhães e tantos outros, Cervantes é unha figura que conta, senón con moitos pais, si con infinitas procedencias, polo que son consciente de que esta teoría non deixa de ser unha máis e con esa reserva me fago eco dela.


Resulta que iso que chaman casualidade, que a miúdo é bastante caprichosa, levoume a ler un texto que leva por título "El origen lucense de Miguel de Cervantes Saavedra" no que, loxicamente, o autor -Luis López Pombo- relata a coincidencia do apelido do escritor co municipio lucense do mesmo nome e onde a min me saltou a sorpresa, pois nel di o que segue:
"... Por otra parte Juan de Mena ha sido el primero que mencionó la estirpe gallega de Cervantes y Cervatos", reproducindo de seguido o texto literal de Juan de Mena, que di: "... Os desta liñaxe son de alto sangue, que veñen de homes ricos de León e Castela, que se chamaron Muinos e Adefonsos, que están enterrados en Sahagún e Celanova; eran galegos de nación, que proviñan dos reis godos, emparentados cos reis de León. De Celanova viñeron a Castela e acháronse na conquista de Toledo..."
Hai uns días unha miña filla tomou a broma o comentario e púxenlle o texto na cabeceira da cama, cousa que virtualmente repito agora con vostede, benquerido lector, por se tampouco lle da crédito á miña palabra.

Te puede interesar