Opinión

Cuba e nós

Se vostede tivo a oportunidade feliz de viaxar nalgún momento da súa vida a Cuba e dedicar uns días a vivir a experiencia de pasear pola Habana (eu, desafortunadamente, aínda non puiden gozar dese pracer) estou seguro de que un dos edificios que non lle pasou inadvertido foi o actual Gran Teatro, situado a carón -e competindo con el en espectacularidade arquitectónica- do mesmo Capitolio cubano.

Se foi así de afortunado e tivo vagar para informarse sobre algúns dos pormenores do vistoso conxunto monumental, saberá que o edificio que hoxe alberga, entre outros, o Teatro García Lorca, a sala Antonio Gades e a sede do Ballet Nacional de Cuba "Alicia Alonso", así como da Ópera Nacional, foi mandado construír pola colectividade galega no ano 1915 -hai agora 101 anos- no mesmo lugar onde anteriormente se asentaba o Teatro Tacón e sen o cal a historia da identidade cultural galega estaría certamente coxa das súas tres patas (a lingua, o himno e a bandeira).

Se aínda foi quen de fiar un pouco máis fino e deterse a reparar nos detalles arquitectónicos que presiden as súas catro fachadas saberá tamén que ademais da outra pata simbólica da nosa comunidade, é dicir, o escudo do cáliz e as sete cruces, tamén había decatarse, sen dúbida, da pétrea presencia dos escudos das catro provincias galegas, presidindo as catro caras que orgullosa e caladamente levan representando a Galicia alí -como dicía Curros- "por riba de muros e valados" da historia.

Pois ben, malia non ter tido a oportunidade de ter estado alí, mantiven na miña retina estes días a imaxe barroquista do centro social galego-habaneiro que Curros -curiosamente- non puido ver construído, mentres o actual mandatario cubano puxo os pés e foi recibido con honores de estadista polos nosos veciños franceses.

E mantívena porque me "chirriou" (como supoño que lle terá "chirriado" a vostede e a calquera que teña unha mínima conciencia histórica do que Cuba significou para España e para Galicia e viceversa) o feito de que a primeira viaxe internacional que Raúl Castro fai a Europa, a teña feito a Francia e non a esta España singular e cada día mías miope, na que nos toca vivir en comandita.

Si, xa sei que aquilo é o que. Que o réxime fai auga democrática por moitas arestas e que todos quixeramos que hoxe vivira nun estado permanente de plena democracia. Pero máis alá dos seus dirixentes están os cubanos e os milleiros de españois -e galegos- que quedaron alá e que hoxe, multiplicados, seguen vendo o noso país coma unha extensión do seu.

Neles e non na súa clase dirixente habería que ter pensado para termos estado á altura dunha historia de irmandade da que se cadra non somos merecentes.

Te puede interesar