Opinión

DESEMPREGADOS

Oque lle vou contar, benquerido lector, é tan certo como que mañá volverá saír o sol aínda que as nubes non permitan a súa contemplación directa e como que eu fun protagonista do suceso, que non pasa de ser anecdótico -vaia por diante- pero ten un certo simbolismo que foi o que me decidiu traelo a esta columna.


Pasoume o pasado sábado pola mañá fóra desta provincia (o lugar concreto resulta irrelevante porque podería ter acontecido noutro lugar calquera de calquera outra provincia) cando acudín xunto cun meu cuñado a visitar unha exposición desas que por novidosas e únicas provocan achegarse a elas aínda que un non sexa demasiado afeccionado á temática exposta.


O asunto foi que cando decidimos entrar na sala achegámonos á taquilla para mercar o correspondente pase e ó preguntarmos canto custaba, a moza que estaba ó outro lado da xaneliña informounos de que eeran '14 euros', unha cantidade que a min me pareceu excesivamente cara, polo que con cara de sorpresa exclamei un aspaventado '¡Cada un!' que a moza, con parsimoniosa veteranía, me tranquilizou ó indicarme que aquela cantidade correspondía a dúas entradas.


Entón, de contado, pregunteille eu se había algunha bonificación para prensa ó que ela me contestou que si, poñéndose a consultar uns papeis que tiña por alí e nos que se apoiou para pedirme a identificación correspondente e darme a boa nova de que para prensa o pase era gratuíto.


Tal foi así que lle entreguei o carné identificativo e xusto de seguido mo devolveu acompañado do boleto que me permitiría ultrapasar a porta de acceso, lugar para o que nos encamiñamos intercambiando impresións, non tanto sobre o que iamos atopar no interior, canto sobre a circunstancia da que acababa de ser protagonista, momento no que se me deu por reparar no boleto e decatarme de que no espazo onde ía reflectida a gratuidade puña literalmente: 'Gratuita desempleados'.


'¡Vaia!', exclamei, ó lelo. Isto si que é analoxía, díxenlle eu ó meu cuñado mentres o controlador termaba do boleto e miraba para min cun aceno revirado a ver se tiña ou non tiña cara de parado.


Curiosa sinonimia a que provocaron os organizadores da mostra, cando días antes escoitara que a de xornalista era unha das profesións máis afectadas pola crise e que máis de 200 medios de comunicación pecharon as súas portas dende o 2008, polo que cada vez é máis de agradecer contar co privilexio de seguir comunicándome con vostede a través desta columna.

Te puede interesar