Opinión

Un inmenso parque natural

Onte -nantronte para vostede-, celebrouse o Día Europeo de Parques Naturais, conmemorando así o día no que foron recoñecidos os primeiros parques naturais de Suecia.

Con tal motivo, a conselleira do ramo, Beatriz Mato, achegouse ata o Parque Natural do Invernadoiro en enfariñou as mans cuns bolos de pan ó máis puro estilo serrano, na compaña dos alumnos do colexio público de Viana do Bolo, celebrando de común acordo e con salva de aplausos a solta dun garrano galego ó que seica lle puxeron por nome "Albariño", así como a un pequecho gabián perfectamente recuperado no efectista centro de recuperación do Rodicio.

Polo que transcendeu nos medios de comunicación, foi un día de festa e de perfecta comuñón dos nenos e a natureza, vista esta dende unha perspectiva -digamos- técnica, pois dun xeito probablemente máis prosaico e menos reflexivo, non sei se a conselleira, pero os nenos e nenas de Viana do Bolo, non só conviven con ela cada día, senón que incluso a nota avanzar dun xeito case imperceptible pero de forma inexorable cara as súas casas, cousa que me leva a min a aproveitar a noticia -e a xornada medioambiental- para reflexionar, unha vez máis, arredor de cómo a carencia dun plan estratéxico de repoboación do noso interior acabará convertendo á Galicia que moramos no aquén da banda urbana dos 50 quilómetros da costa, nun inmenso e inhabitado parque natural.

Cando eu decidín ir vivir para os Quintairos de Amoroce, onde agardaba por min a vella casa matriarcal, a non máis de dous km. de Celanova, uns centos de metros da miña casa había un balcón dende onde se contemplaba unha fermosa panorámica, non só da vila, senón tamén de todo o fermoso val do río Sorga. Así mesmo, dende o corredor ollábase a Cova da Moura, que se atopa na aba da Casa da Neve e que enchía de misterio as miñas olladas infantís cando ía pasar tempadas á casa da avoa Jesusa.

Hoxe, dez anos despois, se quero albiscar o catavento da torre das campás do mosteiro teño que baixar ben máis abaixo e se quero lembrar o misterio visual da faldra da Casa da Neve teño que afastarme da espesa vexetación que crece sen parar ó noso arredor por mor da ausencia de actividade agraria, aquela que creaba amplos círculos de seguridade en tódalas aldeas galegas e que ademais de procurar alimento para as xentes que as poboaban, evitaban que as lapas estivais da foresta ameazasen minimamente as casas.

En fin... Que vexo tanta celebración oficial e a min arrúgaseme o entrecello pola preocupación de saber que, como unha audaz política de repoboación non o remedie, noutros dez anos o 90% do noso territorio, máis ca un parque natural será un inmenso bosque. Moi autóctono e fermoso, si. Pero, completamente inhabitable para os galegos.

Te puede interesar