Opinión

Un neno e unha mestra

A conversa que vou reproducir escoiteina nantronte mentres xantaba un pouco a deshora -e especifico isto para que se entenda o contexto- nun restaurante da Coruña, de cuxo comedor daba conta eu só, mentres os propietarios do negocio facían o mesmo ca min -é dicir, xantar- pero dentro da cociña.

Dado que o comedor, propio dunha pequena taberna ou dun mesón familiar, estaba en completo silencio e que no mesmo non había televisor, o aburrimento levoume a reparar na conversa que trala porta mantiña a familia hosteleira á par que unha voz en off provinte, nese caso si, dunha televisión, falaba das vallas de Melilla e de toda a problemática que nas últimas semanas ten traído en xaque ó Ministerio de Interior.

O fío desta información e dun intercambio de pareceres de introducción que mantiveran entre eles, unha das mulleres que estaba á mesa contou que había uns días o seu fillo fixéraa partícipe dun sucedido que tivera lugar na escola entre un compañeiro seu e unha das súas mestras.

O caso é que, segundo explicitou en máis dunha ocasión a devandita muller, a mestra tomou como referencia a problemática da inmigración que foxe da fame africana para procurar un mundo mellor en Europa e preguntoulles ós alumnos cómo entendían eles a problemática e qué tipo de solución crían que se lle debería da a un problema tan grave como era este.

Entón, un dos compañeiros empezou a falar e díxolle á mestra o seguinte: "Profesora, lo que habría que hacer en Melilla es poner un muro más alto que el de Berlín, de forma que nadie fuera capaz de saltarlo y así se acabaría el problema".

Loxicamente, por unha cuestión obvia, a mestra debería coñecer o perfil do mociño, cousa que ademais desvelaba tamén o pouco que quedaba no sotaque das súas palabras. Pero aínda así, preguntoulle: "¿Y tu en donde naciste...?"

Ó que o rapaz lle contestou con voz firme: "Yo nací en Uruguay, señorita".

Malia que a muller non falou da idade do seu fillo e, polo tanto, non fun quen de axustar o nivel intelectual no que debería enmarcar ó mozo hispano-uruguaio, traio isto a conto porque non deixa de ser espello de ata qué punto se atopa distorsionado este grave problema, xa que logo, non é a primeira, nin a segunda vez que adoito escoitar razoamentos semellantes procedentes de xentes con máis idade cá do mozo referido e, cando me poño a analizar os antecedentes da persoa ou persoas ás que llelo teño escoitado, adoita ser común que moi próximos a elas -cando non elas mesmas- hai pasados ligados a outro país, xa fose de Europa ou de Hispanoamérica.

Te puede interesar