Opinión

Pechar as Burgas

Que vivimos tempos de radicais transformacións sociais e audaces propostas de futuro é algo que a estas alturas da película das nosas vidas non se lle escapa a ninguén.

A política de partido -a partitocracia-, tal e como derivou ó longo destes últimos 40 anos é evidente que chegou ó seu fin, ou, polo menos, albisca xa o vertixe do acantilado, polo que non lle queda máis remedio ca virar 90 graos cara un ou outro lado, xa que logo volver para atrás sería sinónimo de involución e iso, loxicamente, en ningún caso debería estar contemplado. Ou, cando menos, sería tan perigoso como seguir camiñando en dirección ó acantilado.

Neste contexto leo con interese as informacións publicadas nos últimos días neste xornal, referidas á necesidade colectiva de reactivar o vello debate social destinado a analizar con profundidade cómo evitar que a nosa provincia se quede atrás -unha vez máis- no camiño de futuro que se inicia, agora que disque a recuperación económica empeza a ser algo real e dende o silencio avellentado da miña aldea dos Quintairos de Amoroce propóñome incorporarme ó debate, repetindo palabras periodicamente escritas nesta columna con certa asiduidade. Vexamos, pois.

É evidente que a provincia de Ourense atópase nestes intres na seguinte encrucillada: Unha poboación alarmantemente envellecida, incapaz de xerar máis economía cá dos ingresos mensuais dunha pensión agraria ou procedente da renta migracional, vive acompañada dunha masa laboral orixinada pola onda expansiva da explosión da burbulla inmobiliaria, fundamentalmente parada e sen capacidade de se reciclar, e que ten no mesmo seo familiar a un ou dos fillos universitarios (a xeración mellor formada) sen opción ningunha de atopar un nicho económico no que empezar a xerar recursos propios, porque non foron formados na cultura do emprendemento, polo que están a pensar -se non o fixeron xa- en procurar futuro noutras latitudes alén do mar. E todo isto, mentres a clase política repite a ladaíña dos tradicionais recursos sen explotar cos que conta Ourense por aquí e por acolá e fai declaración de principios dos allados clichés xustificadores ou acusadores en función da ubicación goberno-oposición na que se atopen.

E perante disto eu digo que Ourense só será unha provincia termal cando decida pechar as Burgas e transformar a auga quente nun atractivo producto polo que valga a pena pagar. Ou, dito doutro xeito, cando sexa consensuado por todos un itinerario valente e audaz.

Te puede interesar