Opinión

Santo e seña

Como acostumo a facer tódalas tardes que me toca escribir esta columna, denantes de comezar a facelo adoito darlle unha lectura apurada ós xornais dixitais por se o día deparou novas de actualidade que puideran terme pasado inadvertidas e que foran susceptibles, sen embargo, de suxeriren algún comentario pertienente para compartir con vostede, benquerido lector.

Hoxe (onte, para vostede) acabo de facelo e no espazo de apertura da web deste mesmo xornal, leo: "Feijóo anuncia en Os Peares impuestos cero para compras de vivienda en el rural".

Como non podía ser doutro xeito, ó ver iso apurei a lectura do texto que desenvolvía a información, ó mesmo tempo que me volvían á memoria uns cantos conceptos por min depositados o día anterior nesta mesma columna en forma de carta-ficción dirixida a un ser que aínda non naceu e na que, a xeito de redacción inversa, facía precisamente -unha vez máis- unha firme defensa en favor da Galicia interior na que vivimos os ourensáns e sen a cal a sociedade do futuro que ha ser deseñada a partir do próximo día 25 será outra cousa pero non Galicia.
 O candidato a presidente aproveitou a estadía na súa patria primordial -como dicía o poeta- que é a infancia, para reivindicar ese ser antropolóxico aldeán que tódolos galegos levamos gravado no ADN e, a dicir do xornalista que redactou a información, rematou a súa intervención cunha aseveración que eu teño pensado colocar como lema de cabeceira por riba do meu escritorio, porque se é quen de darlle forma lexislativa (que para iso é o Parlamento), algo moi importante comezará a mudar na actual tendencia cara a morte por inanición á que ata o de agora estabamos condenados.
"Imposto cero para emprender no rural e para vivir no rural", seica dixo. Supoño que, no contexto no que o pronunciou, había ser escoitado por algúns con algo de énfase electoral. Pero, dado que a letra soa ben, disimularémoslle o puntual desafine.

Agora só ten que ser coherente -cousa que non poño en dúbida- e que, de continuar gozando co beneficio da dúbida por parte do electorado galego, ese aforismo pronunciado onde acouga a memoria dos seus se converta, a partir do día 26, no santo e seña da súa terceira lexislatura.
Porque se Galicia é quen de volver á vida dos vivos o seu rural, ese "motor económico" que é a Galicia urbana estou ben seguro de que se verá exponenciada.
 

Te puede interesar