Opinión

Unha última sobre política exterior

Hai uns días, coincidindo coas xornadas festivas polas que acabamos de transitar, falando sen presas cun amigo por teléfono, díxome: "... ultimamente andas moi caribeño!".

Facía referencia, coa súa aseveración, ás últimas columnas que levo escritas e que tiveron como telón de fondo das miñas reflexións o antigo Teatro Tacón de La Habana, logo Centro Galego e agora Gran Teatro ou Teatro Nacional da capital cubana, segundo quen sexa o que ofreza a información.

"E non vou estar -contesteille eu-, ti ben sabes as razóns". Non en van, o meu interlocutor coñece polo miúdo o guión de cada un dos encontros de aquí e de acolá que dun xeito pioneiro celebraron Manuel Fraga e Fidel Castro nos anos 1991 e 1992. Por certo, no próximo mes de setembro cumprirase o 25 aniversario do primeiro deles e todos teremos de novo anovadas razóns para volvermos refollar as páxinas das nosas históricas e fraternais relacións.

Pero denantes -acabo de lelo en documentada información da Xunta- o presidente e todo o seu "staff" de Emigración, co meu apreciado veciño Antonio Rodríguez Miranda á fronte, encontraranse (no mesmo espazo que me ten servido a min como desculpa estes días para colocar no alto desta columna as miñas reivindicacións ó goberno español) co Consello de Comunidades Galegas co fin de celebrar alí o undécimo encontro dos colectivos galegos que están debidamente organizados dende Londres a Ciudad del Cabo, dende Lisboa ata Dusseldorf ou dende Buenos Aires ata Nueva York.

Sei, porque xa estaba informado delo, que isto non se forxou, nin moito menos, porque o presidente americano decidira facer o seu histórico periplo polo Malecón e pronunciara o seu histórico discurso alí onde Pascual Veiga estreou os acordes do himno galego e Curros Enríquez dixera del, con tal ocasión, algo así como: "¡Gloria a quen un tesouro nesta canción nos leiga,/ que ha ser a Marsellesa galaica do porvir!.../ ¡Eterno aplauso, vítores eternos ó gran Veiga/ dun polo ó outro polo, do cénit ó nadir!"

E como sei iso e tamén o sabía cando escribín as anteriores reflexións, non deben ir as miñas palabras contra aquel que foi continuador da política exterior de Fraga Iribarne na illa cubana, senón contra un goberno español que tivo catro anos rumbosos para reconstruír pontes sobre as que poder recuperar as relacións diplomáticas entre Madrid e La Habana e limar con elas os ferros que puideran dificultar calquera tipo de dual conversación.

Por iso é de agardar -estou seguro de que o farán- que os representantes galegos dos cinco continentes redacten o próximo mes de maio, con tal ocasión, un manifesto que inste ó futuro inquilino da Moncloa a que coloque a Cuba no cénit da súa política exterior.

Te puede interesar