Opinión

"Unha ampla cabeleira alba e unhas fortes gafas", por Luís Manuel García, Académico da RAG

Francisco Fernández del Riego.
photo_camera Francisco Fernández del Riego.

Coñecín hai anos a don Francisco Fernández del Riego en Vigo, onde moraba entón. Presentaba unha ampla cabeleira alba e unhas fortes gafas que enmarcaban uns ollos intelixentes.

Pero foi Pepe de Redondela quen o convidou a un dos nosos actos no Couto Mixto. Despois de xantar e tomar unha copiña de licor- café da casa, mentres fumaba un bo habano consonte co momento, falounos das relacións de Galicia e Portugal. Tamén falou de Taboada Chivite e de Joao Verde. Eu sentaba o seu carón e seguía con arroubo as súas palabras. Máis tarde a emoción envolveunos cando don Paco principiou a entoar “A miña burriña”, que todos acompañamos respectuosamente.

Francisco Fernández del Riego era recorrente tras os xantares compartidos cos amigos. Entoaba cantigas galegas con grande sensibilidade musical.

Daquela convideino a facer unha visita á Comisaría de Policía de Vigo-Redondela. Era a forma  de que superase a mala impresión que tirara da policía durante da Ditadura .

Acudiu ás instalacións de López Mora e recibímolo en comandita todos os mandos, celebrando unha reunión na Sala de Xuntas baixo un reposteiro do Corpo. Agasallámolo con lembranzas das viaxes a América de Otero Pedrayo e de Celso Emilio Ferreiro. Aquela xuntanza agradeceuna e lembrouna ata a súa morte en 2010.

Podería falar doutras anécdotas de quen foi Presidente da RAG. Será noutra ocasión. Merece ben o homenaxe do Dia das Letras Galegas deste ano, pola súa xenerosidade e por canto fixo pola Cultura Galega.

Te puede interesar