Opinión

A ACUSACIÓN, UN DEREITO RESPONSÁBEL

España é o único Estado europeo onde calquera cidadán, aínda que non sexa directamente prexudicado, pódese persoar como acusación nun proceso penal. Incluso se o fiscal renuncia a mante-los cargos, o particular pode chegar a sentar no banco ao acusado. Ao longo dos últimos anos existen abundantes exemplos de tal práctica. Pero o dereito á acusación popular xa o incorporou ao ordenamento legal o liberal Alonso Martínez como ministro de Graza e Xustiza baixo a presidencia de Práxedes Mateo Sagasta. Corría o ano 1881. Dende entón, ese resorte orixinalmente concebido para contrarrestar unha xustiza enormemente subordinada ao poder político, chegou con pleno vigor e ben engrasado ata os novos días. Claro que, no camiño, tan beneméritos fins contamináronse con obxectivos espúreos como obter información privilexiada dun sumario, saltar do escuro bufete á fama e facturar en consonancia cos titulares de prensa ou actuar como unha fiscalía paralela e frear intencionadamente o ritmo dun proceso concreto.


O resultado é que a perversión dos altos ideais garantistas deron paso a unha patoloxía que os pervirte e fai necesaria unha urxente reforma para poñer obstáculos aos fuleiros da lei. ¿Cómo evitar que baixo a excusa de preserva-la ecuanimidade da xustiza e contrarresta-lo uso partidista do Ministerio Público se disfracen de acusacións populares personaxes da frarándula xudicial ou tenebrosos intereses do outro lado do péndulo da moralidade? Se coa reforma da Lei de Enxuizamento que está a piques de rematar, o Ministerio de Xustiza entrega todo o poder ao fiscal, sen aplicar mecanismos correctores que permitan a entrada no proceso penal doutras voces da sociedade civil, a memoria do vello liberal Alonso Martínez non quedará moi ben parada. Casos xudiciais de especial transcendencia, como o recurso de Juan Mª Atutxa contra a sentencia condenatoria do Tribunal Supremo por non disolver Socialista Abertzaleak, a denuncia de colaboración con ETA na cúpula policial que encerra o 'caso Faisán' e algúns dos procesos pendentes nos que está imputado o xuíz Baltasar Garzón, xóganse no terreo da acusación popular. O calado e a repercusión política destes asuntos sumariais aconsella extrema-la prudencia na modificación ou rectificación do secular instrumento xudicial. A pregunta á que debe resposta-la clase política é se na actual coxuntura de agotamento lexislativo e candentes sumarios no Supremo, sería prudente e atinado entregar ao Ministerio Público, ao servizo do Goberno, o monopolio da acusación, a instrucción e? a 'chave do calabozo'.

Te puede interesar