Opinión

BANCOS BOS E MALOS

Habemus banco malo!' O novo invento económico que nos vai sacar de pobres. O banco malo é como o Almax. Neste caso serve para axudar a dixerir o atracón de ladrillo das entidades financeiras. A idea é sinxela e consiste en que as entidades intervidas polo FROB (Bankia e demais compañeiros mártires) van a traspasaren a súa carteira de pisos e solo a este banco. Para que nos entendamos, que o banco malo vaise comer o marrón.


Á criatura chámanlle SAREB (Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria). As entidades financeiras venderán á SAREB os seus activos inmobiliarios ao 37% do seu valor. A cambio, o banco malo darálles uns cupóns avalados por España S.A. que descontarán na ventanilla do BCE conseguindo diñeiro fresco. Mentres que o banco malo terá quince anos para vender estes pisos atragantados, 60.000 millóns, polo de agora. E todos contentos. O detalle é que FROB só pode ter o 49% das accións de SAREB, ou pola contra, considerarase débeda pública e para esta viaxe non facían falta esas alforxas. De aí que anden á busca de alguén que poña a outra parte. Porque, de momento, o resto dos bancos españois déronse 'mus'. Non o ven nada claro.


As empresas tamén teñen unha importante indixestión de activos dos que de boa gana hoxe desprenderíanse. Non cun antiácido, con TNT. E non polos activos en si mesmos, senón pola débeda que levan pegada. Pero as empresas non teñen opción de pasar débeda privada a débeda pública. Pero si creouse un banco malo.


¿É porque os demais bancos son bos? Eses bancos bos que ante o concurso de acredores dunha empresa non vota a prol do plan de viabilidade. O que nin sequera se presenta na mesa do convenio, obrigando á liquidación. Eses bancos bos que non aceptan unha quita, nin grande nin pequena, para salvar unha empresa, noutrora, boa cliente. Aqueles bancos bos que agasallaban a liñas de desconto e que cando viron as orellas ao lobo as empaquetaron en créditos. Créditos que avalaron coas garantías persoais dos accionistas. Garantías que lles dan o confort necesario para non negociaren. Bancos bos que hoxe colapsan os xulgados con demandas executivas de embargos. Facendo dos xuíces os seus axentes de cobros.


¿E os desafiuzamentos? Vivendas embargadas a miles de familias polos bancos bos. Vivendas que eles venderán ao banco malo. Banco malo que, á súa vez, finánciase con diñeiro público. Non sei onde está a fronteira entre a xustiza, o siso e a demagoxia. Porque é sinxelo caer nesta última. Pero oiga, algo non está a funcionar ben. E creo que a isto se lle chama 'falta de humanidade'.

Te puede interesar