Opinión

CALIDADE HUMANA

Voulles contar unha historia real, un símbolo da globalización totalitaria que estamos a padecer. Un país africano decide construír unha estrada. Conta con fondos europeos. Convoca un concurso. Unha empresa construtora española de recoñecido prestixio se lé os pregos e? '¡chupado! Gañámolo seguro. A maquinaria traémola de España, a que temos parada pola crise, un 50% menos de presuposto; o equipo humano técnico, español, o resto, ata un 90% de persoas, local, ben pagado e asegurado. Ninguén superará a nosa oferta, por experiencia e por proposta económica'. Os chineses tamén saben ler pregos: Unha empresa estatal do gran país capitalista-comunista, presenta a súa oferta: 'maquinaria de balde, enxeñeiros pagados o xustiño e man de obra, case polo xantar, 5.000 presos chineses que trasladamos de inmediato a África'.


¿Quen gañou o concurso? Os chineses. Os produtos que consumimos no primeiro mundo, os da tecnoloxía máis sofisticada, prodúcense a prezos de coña en Oriente porque a man de obra é puro escravismo. Os nosos sindicatos, e os franceses, e os alemáns, e os italianos, e os británicos, todos, a Belén cos pastores. Rajoy, o seu goberno e as súas medidas, son uns peóns no entramado global da nova economía totalitaria, a da explotación das persoas, a da especulación dos mercados. Señores Méndez e Fernández Toxo, ¿non poden reunir aos seus colegas europeos e contarlles algo tan simple como o que estou a escribir? ¿non lles poden dicir que hai que impedir que na Unión Europea se vendan produtos que están fabricados en condicións de explotación, de escravismo? Porque o dos dereitos humanos é unha cume moi lonxana ao lado desta simpleza. Consumimos a marca da mazá, as do calzado deportivo, remataremos comprando coches contaminantes e inseguros, pero os nosos sindicalistas dedicaranse ao mareo da perdiz, á caza menor. A todos os requisitos de importación, hai que asociar un, o máis importante: a calidade humana.

Te puede interesar