Opinión

O CANAPEIRO

Grazas á sentencia do Tribunal Supremo que condena a un xornal por chamar así a unha muller que non perdía sarao en que houbera canapés, sabemos da palabra “canapeiro/a”. Por a miña parte quero romper unha lanza a prol da tribu, pois sen o canapeiro, a chamada vida cultural ou política languidecería.

Un escritor ou artista libra xa a presentación do libro ou a apertura da exposición con dúas ducias de persoas e, obtén éxito a partires das tres ducias; o mesmo que acontece co político nun acto de campaña sectorial no que é necesaria, alomenos, a asistencia de medio centenar de interesados. Nesa contabilidade é decisivo o canapeiro. ¡Canto acougo do creador minoritario ou do político en solitario non paliaría coa súa benéfica presencia o canapeiro! Hai días aciagos en que os protagonistas contan dende o estrado aos asistentes, os que chegan tarde e os que se van antes de rematar, rezando para que se manteña a masa crítica e, implorando ao fotógrafo que se apiade e enfoque cara a zona máis concentrada do local. Eses días, o fiel canapeiro é auga de maio.

Te puede interesar