Opinión

A FRONTE DOS XUBILADOS

OPartido Popular, sabéndose amparado polos votos colleitados nas últimas eleccións, lanzouse a aplicar un programa de reformas ultraliberal cuxo obxectivo primordial é poñer a salvo os intereses financeiros de correlixionarios, amigos e parentes, así como aliñarse cos seus admirados patróns multinacionais. Todo isto pode sonar panfletario pero se non é certo ¿cómo se explica a absoluta impunidade dos causantes da crise financeira e do desenvolvemento e estoupido da burbulla inmobiliaria? Asistimos perplexos á aplicación de drásticas medidas de aforro e contención do gasto público en servizos básicos, mentres se incrementan os impostos de xeito indiscriminado e sóbense sen rubor as tarifas de auga, luz, gas ou o custe dos carburantes. Todo elo mentres quedan na impunidade absoluta os causantes da crise ou as autoridades que deberían advertir dos riscos e denuncia-las condutas ilegais. Uló!, asumimos con cargo á débeda pública o rescate europeo dunha banca especulativa e endogámica sen que a xenerosidade do Estado servira para que flúa de novo o crédito a familias e empresas.


O IPC apenas se controla pola retención dos prezos de produtos que moitos renunciaron a consumiren, mentres se incrementa o custe dos recibos básicos e da sanidade. Todo isto afeta de xeito directo ás clases medias e, en maior medida a quen vivimos dunha xubilación que, non esquezamos, ninguén nos agasalla pois fomos quen de coas nosas cotizacións os que contibuimos a crear ese fondo do que sae a nómina actual. Agora, o PP trata de vendernos a idea de que a sostenibilidade do sistema de pensións pasa por desliga-la súa revalorización do IPC e pretende enganarnos con veladas ameazas de que se non se acepta a súa proposta se pon en perigo o sistema. En resumo, aos xubilados o goberno de Rajoy subiunos o IVE, nos repercutiu o incremento de servizos básicos e a sanidade e, agora, se nos condena a ver cómo as pensións se devalúan fronte ao incremento do custe da vida.


Probablemente está a chegar o momento de convocar á formación dunha fronte ampla de xubilados, deses que, co seu esforzo e economía están a asegura-la paz social no noso país ao axudar ao sustento duns fillos centrifugados pola reforma laboral e uns netos sen dexergas de futuro profesional. Imponse a urxente organización dos colectivos de xubilados e a súa presión aos partidos. Aquí queda a proposta de crear candidaturas de xubilados. Se os oito millóns de pensionistas se rebelaran, quedaríanlle só as próximas eleccións á vida política de Rajoy e aos seus compinches.

Te puede interesar