Opinión

O FUTURO DA HUMANIDADE

Sumida no abismo demográfico, Europa precisa unha taxa maior de inmigración. O primeiro motivo hai que lelo en clave de políticas públicas. Se queremos cobrar unha pensión digna, só o boom migratorio permitirá contrarrestar a escasa fertilidade. Non hai tantos anos, as ratios da Seguridade Social expresábanse en números maiúsculos. Era a consecuencia do crecemento exponencial da economía, do aforro acumulado e da fortaleza laboral que demostraban as nutridas xeracións da posguerra. Por suposto, as directrices revértense e a debilidade estrutural afecta ás zonas máis sensibles do sistema: así, en España, de catro cotizantes por xubilado pasamos a menos de dous, cunha tendencia clara á equiparación. Como é lóxico, pretender que nesas circunstancias se manteña o Estado de Benestar sen máis reformas que uns dolosos recortes non deixa de ser unha apelación á utopía. Os efectos da crise foron inmediatos e non precisamente positivos, dá igual que se analice o impacto na sanidade ou na educación, no percorrido á alza dos impostos ou nos aprietos para manter axeitadamente as redes de infraestruturas. A irresponsabilidade fiscal remátase pagando, ao igual que a contradición. Ao longo prazo, resulta difícil compatibiliza-lo benestar común co declive demográfico. Por non dicir imposible.


Pero non é só isto. A Europa aletargada necesita atraer a un maior número de inmigrantes para impulsa-lo círculo virtuoso da economía. A prosperidade funciona como un polo magnético que acentúa a estrita direccionalidade do século XXI. Na nova xeografía, a superpoboación é un factor positivo, xa que permite estimula-la demanda interna, abarata-los custes e incrementa-la concorrencia. Como exemplos, ese dobre eixo xeoestratéxico -Asia e Norteamérica- que corrobora o rol da superpoboación nos grandes centros de poder mundial. Tamén aquí asistimos ao incerto futuro da periferia fronte á puxanza do sur de Alemaña ou da city londiniense. A pesares dos riscos implícitos da inmigración -que son moitos-, un país que lle pon trabas non se converte nun lugar mellor, nin nunha sociedade máis próspera nin nun epicentro das oportunidades. O tecido industrial de Stuttgart e Munich atrae aos enxeñeiros máis cualificados da UE, consolidando a supremacía do automóbil alemán fronte aos seus competidores. Ao Reino Unido acoden os futuros directivos da banca e os máis afamados xestores financeiros, pero tamén milleiros de médicos e de enfermeiras que non atopan traballo no seu país de orixe. Se analizamos a industria agraria española, comprobaremos o papel clave que, na súa supervivencia, desempeñou a inmigración marroquí ou romanesa. Algo similar sucedeu co turismo, que obtivo un aumento notable de produtividade, fronte á sombría ameaza da deslocalización -de Cancún a Túnez, de Croacia a Varadero-, favorecida polo abaratamento dos vos, as agresivas campañas de 'todo incluído' e a presión exótica dos novos destinos. A realidade responde a uns parámetros máis complexos e esixentes, onde o único punto de equilibrio é dinámico e a moral unha estratexia de auto-marketing. Non digo que me guste este mundo, só constato que o pulso da Historia non é neutro.


En contra da lóxica intuitiva, as sociedades que absorben inmigración xeran máis oportunidades. Por unha banda, facilítase a pervivencia da industria local; por outra, increméntanse as necesidade de servizos básicos -educación, sanidade, cultura, infraestruturas públicas, vivendas- o que á súa vez, facilita a creación de mellores empregos. Cabe pensar que a especialización xeográfica será tamén inevitable. A educación adquirirá un peso inaudito, xa que as cidades con máis densidade de empresas innovadoras -e con universidades máis prestixiosas- son as que gozan dunha menor taxa de paro. Os movementos migratorios equivalen a forzas tectónicas que van cambiando o rostro global da sociedade. Guste ou non, a identidade mestiza atravesa o pasado, o presente e o futuro da humanidade.

Te puede interesar