Opinión

MÁIS FEITOS

Anda a cidadanía cada vez máis descontenta coa clase política. Polo xeral, cometémolo erro de xeralizar e meter a todos os partidos no mesmo saco; parece inxusto, pero a vida, por desgraza, aínda o é máis. É evidente que nos tempos que corren, o país necesita unha rexeneración a todos os niveis. En teoría, non o creo, emprendimos o camiño de reformar o sistema produtivo, aínda que moito me temo que unha vez pasado o tsunami volvamos aos mesmos costumes: facer diñeiro fácil co ladrillo. A frase de Miguel de Unamuno “que inventen eles” segue en pé a pesar de termos vivido un amplo período democrático. Outro aspecto fundamental é a reforma institucional que, como sempre, terémola que facer de contado grazas ou por mor dunhas tensións nacionalistas que aproveitan calquera debilidade do Estado para sacar rédito político.

Non é o mellor momento, non toca agora, precisamente, reivindicar a independencia, pero que lle imos facer, a nosa historia está repleta de órdagos e arroutadas, levámolo nos xenes. Os políticos son un eslabón fundamental dunha cadea que chegou a tal tensión que está a punto de rachar, o que suporía unhas consecuencias difíciles de calibrar. Todos necesitamos certa transformación e o máis importante nestes momentos é demostrar con feitos que estamos dispostos a levar a cabo un cambio radical para non volver caer nos mesmos vicios do pasado. Non axuda á reputación dos políticos que xestionan a cousa pública retoma-lo costume de utilizar ás institucións como refuxio de militantes sen soldo. Queremos máis feitos que palabras. As cousas non están para ambigüidades.

Te puede interesar