Opinión

MOMENTOS

Chega un momento en que comprendes algunhas cousas que pensabas que non facía falta comprender. Non demasiadas, aínda que, algo. Comprendes, por exemplo, que os meteorólogos saben das derivas do clima o mesmo que os teólogos da natureza e da vontade de Deus, ao se trataren ámbalas dúas ciencias aproximativas nas que, curiosamente, o grao de responsabilidade resulta equivalente ao grao de irresponsabilidade, pois non coñezo aínda ao meteorólogo que renunciara á súa profesión por unha profecía fallida nin tampouco ao teólogo que recoñecera a súa falta de facultades para dilucida-la esencia e os designios da divinidade, ante a que se supón que debería asumir unha actitude bastante modesta non só como punto de partida senón tamén, e sobre todo, como punto de chegada, alomenos se se ten en conta que é bastante improbable que un deus delegue nos seus eséxetas a tarefa de elaborarlle o perfil psicolóxico.


Chega o momento en que comprendes que os economistas saben de economía o mesmo que a economía sabe dos economistas, e aí a confusión é tal vez maior e un pouco máis incomprensible, xa que non se trata da dilucidación de entelequias, de sondaxes climatolóxicas nin de exploracións metafísicas, senón dun asunto de números, que de por si tenden á exactitude, a non ser que optemos por descadralos ao noso antollo e os convertamos nunha materia entre esotérica e ideolóxica, cando o seu é que os números canten, aínda que, en boca de tahúres, os números se limiten a entonaren cancións de piratería. Polo demais, cando os números se sitúan no porvir, deixan de seren números para convertérense en vaticinios difusos.


Chega un momento en que comprendes que os políticos interpretan o futuro coa mesma marxe de acerto que os cartomantes televisivos, e o curioso é que en boa parte se lles paga por ese labor, pois non existe político que non alardee da virtude paranormal e prodixiosa da percepción anticipada, cousa que está, de verdade, ben e que resulta tranquilizadora, ata o punto de que os grandes debates políticos redúcense á postre a ese labor: á venda de futuros, xa que o presente acostuma ter unha mala saída comercial.


Chega un momento, en fin, en que comprendes que, a forza de comprender, non comprendes nada, xa que cadaquén pontifica dende a súa impostura específica: os meteorólogos dende a meteoroloxía e os teólogos dende a teoloxía, os economistas dende os números incertos e os políticos dende o seu saber infuso, pois non naceu aínda un mero concelleiro que se achique ou abrume ante a alta misión que se lle encomende, así se lle encomende un día a xestión do cemiterio municipal e ao día seguinte a de policía e bombeiros.


E un, para non ser menos, pontifica dende aquí.

Te puede interesar