Opinión

A PAGA-LOS EXCESOS

Durante anos as autoridades sanitarias fixeron fincapé na necesidade de potencia-la medicina preventiva vendendo as bondades dunha práctica que ía aforrar gastos ás arcas públicas ao evitar -en moitos casos- costosos internamentos nos hospitais. Pero como a clase media deste país viviu moi por riba das súas posibilidades, agora ten que pagar eses excesos con recortes que merman a calidade na atención. Non é suficiente con que se pechen camas nos hospitais, ademais hai que contribuír ao aforro e provocar listas de espera infinitas ao incrementa-las ecografías por seren unha proba indubidablemente máis barata que calquera resonancia magnética. Por certo, un servizo externalizado, é dicir, negocio para unha empresa privada. E o de contratar faise a contagotas non vaia ser que nos desviemos máis aínda do déficit desbocado provocado por ese dispendio no que nos instaláramos. Non hai nada que toque máis a fibra do cidadán que a saúde. Xogar co máis sagrado nunca pode nin debe traer rédito algún.

Te puede interesar