Opinión

O PARADIGMA LE PEN

Ás veces é posible compaxina-la animadversión ideolóxica que producen certas opcións coa admiración pola executoria política dos seus líderes. É o que sucede coa francesa Marine le Pen e a súa estatéxica análise dos resultados das eleccións italianas. Cometeriamos un erro se, parapetados detrás do menosprezo que nos pode causa-lo seu ideario, subestimásemos as súas innegables habilidades para a realpolitik. Son precisamente esas habilidades as que explican que case a terceira parte dos franceses amose a súa simpatía ou comprensión cara a algúns puntos do programa do xenófobo Fronte Nacional. E sería un grave erro pensar que o auxe do modelo francés de nova extrema dereita débese exclusivamente a factores coxunturais ligados á crise ou que o seu éxito desvanecerase unha vez escampe o tsunami económico que está a desquebraixar Europa.


Unha primeira mostra da axilidade política de Marine le Pen foi felicitarse polo éxito electoral das opcións euroescépticas italianas ou para os seus votantes, os 'eurorrealistas'. Pode parecer extrano que Le Pen se apunte como propios os votos de Beppe Grillo se non se entenden dúas das características básicas da dereita radical europea: euroescéptica e antisistema. Ademais é a clase política europea a maior responsable da crise económica que está menoscabando ás clases medias do sur. Isto explica que este novo extremismo dereitista se autodefina como rexeneracionista, como hixiénica opción salvífica que vai limpa-la política dos tantos vicios herdados dos partidos tradicionais: a corrupción, o clientilismo, o corporativismo ou as escuras vinculacións entre a clase política e os grandes grupos empresariais e financeiros. O lobby político europeo é un dos antagonistas da dereita radical pero outro dos seus inimigos declarado é o inmigrante. A xenofobia e a illamofobia ?a súa variante máis depurada- é o outro muro de carga ideolóxica que sustenta o seu edificio doutrinal.


Deste xeito, non resulta raro que Marine pedirá 'solemnemente' ao presidente Hollande un referéndum para decidi-la posible saída de Francia da UE, un dos países inspiradores e fundadores do proxecto común europeo. Non só iso, Le Pen advertiu que avogaría pola saída da Unión agás que o Goberno acadara catro reformas: o retorno ás moedas nacionais, a disolución do espacio Schengen, a implantación do 'patriotismo económico' e a primacía do dereito nacional sobre o europeo. Catro medidas mínimas que dinamitarían cincuenta anos de construción europea. Le Pen sabe de abondo que é una petición inviable, pero servíulle para ir marcando o tono e o marco discursivo no que se moverá nas próximas eleccións europeas de 2014, que ela pretende converter nun plebiscito antieuropeísta.


Pode que en 2002 sorprendera que o seu pai acabara disputándolle as presidenciais a Jacques Chirac en detrimento de Lionel Jospin, pero xa non sería ningunha sorpresa que a súa filla, cuxo proxecto é paradigma e referente da dereita radical europea, colleitara uns máis que suculentos froitos electorais nun campo de cultivo político diezmado e arrasado pola crise.

Te puede interesar