Opinión

O PARADOXO COMUNISTA

Para quen seguimos vivos, poucas persoas representan tan ben os límites e as esperanzas, os heroísmos e miserias da utopía comunista como Santiago Carrillo, un tipo, finalmente, bastante digno, un profesional da política (por moito que no seu pasaporte puxera 'xornalista' era tan falso coma os documentos e a perruca que, por esixencias da clandestinidade, exhibía), un chuleta de Tetuán das Vitorias que, como Martín Villa pero en dirección contraria, case apareceu no mundo montado en coche oficial. Xa non se apearía ata unha moi venerábel ancianidade. Debe ser unha cousa que engancha; que llo pregunten a Espe que, vaise pero queda.


Lendo as memorias de don Santiago descubrín que pasaba sobre os vaivéns do seu partido, as purgas, as fases (de cotío antagónicas) da Internacional Comunista, os xuízos de Moscú e ata o pacto Molotov-Ribbentrop de puntillas, enxuizando estes cambios de rumbo cunha condena bastante xenérica aos excesos ou a falta de oportunidade, como corresponde a un crente sempre confiado en que o Paráclito (ou o Espírito da Historia) alumea o sínodo, tamén chamado Comité Central.


Como di alguén tan pouco sospeitoso como Borges, a revolución rusa 'foi ao principio unha xenerosa esperanza'. O mozo Carrillo sentiu, como tantos, ese deslumeamento, porque a diferencia do fascismo, malvado en intencións e en execución, o comunismo tivo unha concepción inmaculada e unha xestación moi problemática, por dicilo fino. Neste mundo a intención de arranxalo todo conduce a envilecer cada cousa. Os comunistas foron a oposición máis correosa e efectiva a Franco, e Carrillo atinou ao escolle-los movimentos populares, a infiltración nos sindicatos e, finalmente, o pacto constitucional. Saúde.

Te puede interesar