Opinión

POLÍTICA E MESQUINDADE

Baixan revoltas as augas na política, revoltas como de tormenta, como de grande riada, como de comportas de encoro rotas e de avalancha descontrolada. Cada día, o cidadán de a pé, quen loite por sobrevivir e treme ante a posibilidade da perda do seu emprego cun ERE salvaxe, un peche a traición o unha espantada do empresario que aparece aos poucos meses en Brasil, en Panamá ou nalgunha illa caribeña disfrutando do exilio e da lonxanía da patria á que tanto bota de menos. Cada día, ese cidadán asustado, hipervixilante e que durme a base de Orfidal ou de Tranquimazín (din os expertos que a crise multiplica as consultas e as urxencias psiquiátricas) cada día, ese cidadán que é quen paga en definitiva, espértase cunha nova desvergonza política, cunha nova bronca que a ninguén lle importa nada, cun novo pufo que engadir aos mil que vimos nos últimos lustros. O culebrón 'Bárcenas' ?din os sabios que Rajoy prohibiu menta-lo seu nome e refírense a el como 'esa persoa'- o folletín por entregas, bríndanos cada día un novo capítulo. Se daba vergonza o anterior, máis nos dá o seguinte. A Sra. Cospedal, toda unha secretaria xeral do partido gobernante, toda unha avogada do Estado, faise un lío mortal ante os micrófonos abertos dun centenar de xornalistas e fala de simulación, de pago en diferido e de cousas que, nos beizos de calquera empresario, porían á inspección de Facenda e da Seguridade Social na porta da súa empresa para meterlle man de inmediato no peor dos sentidos. Bárcenas, o do culebrón, o do bar que dá ceas polo módico prezo dos billetes que caben nun sobre, non se acovarda. Parece telo todo ben proxectado e contraataca con dureza. Isto é un pleito de longo percorrido por o que suspiraría calquera avogado e que nos vai dar que falar e que pensar durante moito tempo aínda que Rajoy siga fiel á súa maneira de ser e actuar: non facer nada e xa pasará o lío. Mala cousa iso de esperar que os problemas se pudran e se resolvan por si sós con base nalgún milagre que ninguén sabe cal vai ser nin cando terá lugar.


Bárcenas, o marchante de arte que compraba e vendía bodegóns a outro que tal baila, o que esquía en Vancouver ou cea con cava en Baqueira, cando moitos coa milésima parte de indicios en contra comen rancho carcerario en Pereiro, presenta comparecencias ante notario e denuncia invasión de despacho e roubos de ordenadores. Todos, ou case todos, no partido do goberno, anuncian querelas que non vemos por ningures. Xa vexo a técnica: a ver se acontece algo ?o Papa xa renunciou, pero hai que elixir a un novo-, a ver se gañamos no festival de Eurovisión, se o Barça elimina ao Milan, se lle sacan tarxeta vermella a Cristiano como lle fixeron a Valdés, se fai un milagre San Martiño, o Santo Cristo ou a Virxe dos Remedios atendendo á ministra Báñez ?a única que non creou un posto de traballo en máis dun ano de mandato-. A ver se acontece o milagre e salvámonos polos pelos? Non falo de responsabilidades penais porque sería unha irresponsabilidade que alguén falase de condenas sen coñecer ata o último recuncho e a última coma do último parágrafo instruido sobre a cuestión, falo de política.


Política é o que ten que facer quen nos dirixe para sacarnos do atranco no que estamos, do burato no que nos fundimos un pouco máis cada día, do abismo ao que nos precipitamos de xeito irremediable segundo parece. Facer política é crear emprego, facilita-lo crédito, potencia-la sanidade para todos, mellora-las infraestruturas, atender á educación porque aí está o futuro do país, mimar aos autónomos e aos pequenos empresarios porque eles son os que crean riqueza. Iso é política e, o contrario, mesquindade.


Mesquindade é, coa que está a caer, preocuparse por se Sepúlveda (outro defenestrado) canta sobre os aniversarios, preocuparse por se Bárcenas canta sobre os donantes, eses que outros chaman 'inversobres', preocuparse por se ao barón tal ou ao barón cal lle moven a cadeira. Mesquindade é non facer nada esperando a que escampe. ¿E os do PSOE? O de seu é tamén para nota, andan preocupados sobre se aquí se fan ou non primarias para elixir secretario xeral ou en Cataluña se suman a Mas. Nada disto interésalle ao cidadán que ten o malo costume de necesitar un teito e un prato de comida cada día.

Te puede interesar