Opinión

PROBLEMA MATEMÁTICO

Oitenta e cinco ricos suman tanto diñeiro coma tres mil cincocentos setenta millóns de pobres no mundo. Esta frase, que parece o bosquexo dun problema de matemáticas de cuarto de primaria, non presenta ningunha solución implícita. O enunciado queda coxo, como se millóns de estudantes permaneceran co lapis en alto á espera doutra liña. Esta podería preguntar cantos pobres tocan a cada rico, por exemplo, un problema que se resolvería cunha división sinxela, con ou sen calculadora. Calquera alumno podería facela e lle sairían moitos, moitísimo, un feixe de pobres para cada un dos oitenta e cinco ricos.


A solución é unha cifra enorme, escrita coa lingua fóra por un neno que está a punto de saír ao recreo. Outra cousa moi distinta é qué se fai con este resultado, se se subliña, colorea ou se enmarca ao final do folio. Isto depende do profesor que formulara a pregunta. Tamén pódese esquecer, pasar páxina, tomarse un café e chegar a outra noticia coa alma intacta, cremos. En realidade acabamos de deixala feita farrapos, pero non queremos darnos conta. Nunca fomos bos en matemáticas e, menos aínda con estas cifras.


Cun titular así pódense facer máis operacións, tantos por cento ou regras de tres ou variacións de ene elementos tomados de ene en ene, fora o que fora iso. Podemos facer marabillas con este enunciado: comentalo na clase, comezar así unha columna, sentirse indignado, avergonzarse da condición humana, pasarse ao bando dos cans, cambia-lo voto. Todo, menos permanecer co lapis en alto á espera de que alguén nos dite a solución do problema.

Te puede interesar