Opinión

O SENTIDO DA VIDA

Vivimos un presente demasiado adverso en moito e para moitos. A nivel global, como no noso país, o futuro píntase escabroso. O desmoronamento económico no que non podemos nin darnos unha brazada medianamente desafogada, a desconfianza nos políticos e na súa maneira de entende-la política, a desarticulación social e, a inmensa precariedade cultural na que nos movemos, nos están a laminaren a perspectiva da vida. Aprémanos a anguria e sentímonos desanxelados, desubicados. Temos a convicción de que a clase política no seu conxunto, e con apenas excepcións, non souberon estar á altura que as circunstancias lle esixían. Tampouco se escapan bancos, empresarios e sindicatos e, incluso outras institucións de alto liderazgo; ademais dun xornalismo con moitos apartes, que iso foi un hándicap. Cercenáronnos a esperanza. Así conformamos unha sociedade paralizada e estéril nos seus reproches, que se perden por desaugadoiros moi lubricados e castrados. O maniqueísmo secular, ese dualismo antagónico dos españois, prívanos do necesario sentido común para poder abrir portas reflexivas ao respecto na opinión, ao compartir, ao consensuar moitas prioridades. Temos difuminados os referentes (ata a institución rexia fai augas).


A sociedade deixou de enfoca-la brúxula duns valores, referencia común, globais, que conformaban a argamasa que une as vértebras da convivencia. Menosprécianse ligaduras esenciais como unha educación de excelencia, xunto á formación profesional e a investigación? Déixase na gabia o potencial da instrucción cultural estruturada e con suficientes medios. A perspectiva da mocidade e esas xeracións inmediatamente anteriores, adivíñase bastante sombría. Isto lévanos a un derrotismo que non é nada bo. Xa hai síntomas de paralización en moitas estadios da vida. E que facer? É ben certo que o futuro aséntase sobre os pilares do pasado, que condicionan a construcción do futuro próximo. Por elo é necesario rexenera-lo futuro, aínda que resulte paradóxico. Bastaría con prescindir dos actuais sectarismos ideolóxicos, da voracidade polo poder de tantos líderes. Hai moito que facer, e ten que haber unha confluencia humana que faga esta travesía. Poderiamos falar de lei de partidos, reforma constitucional, reforma da Administración, un pacto polo emprego e as pensións, unha convención pola educación e a cultura?, pero non é iso, é algo máis fondo, con máis proxección. Trátase de ollar a longo prazo, unha actuación sobre as perversidades do sistema actual. Comezar a prever unha nova arquitectura política, económica, cultural e social, construindo xa os pilares para elo. Hai que enarbolar inequívocamente a honestidade e a decencia. Agarrados a unha moral infranqueable no esencial. O gran desafío é presentar algo non dende os nosos observatorios esquinados, senón unha nova cosmovisión, cun novo modelo de vida. Animicamente, como civilización, necesitamos ese xurdimento rexenerador que nos devolva o sentido da vida.

Te puede interesar