Opinión

SEN SOLUCIÓN

Ou sexa, que como dixo Rajoy, as contas non cadran, seguen sen cadraren, e o que é peor xa ninguén cre que no Goberno sexan capaces de atopar un día unha solución a tan grave problema, que vai arruinando cada vez máis ao país. Porque todo o que se lles ocorreu ata agora aos expertos do PP para trataren de impoñérense á galopante crise foi subi-los impostos. Sabendo a quen, iso si, pois lonxe están de gravaren cun 75% de fiscalidade ás grandes fortunas, como fixo Hollande en Francia. Aquí, as que máis tributan son as clases medias e as máis modestas. Menos mal que Don Mariano dixo, cando era candidato, que eles sabían o que ían facer, porque se non o chegan a saber?


O caso é que a suba de impostos, brutal nalgunhas áreas, continúa sen servir para nada e sen cumpri-las expectativas para a que foi posta en marcha. Resulta que, neste sentido, as contas son peores que as de hai un ano por estas datas, e que o goberno non acada equilibra-lo capítulo de gastos co de ingresos. No primeiro semestre do ano recadáronse 1.400 millóns de euros menos dos previstos co novo incremento fiscal, e o gasto do Estado, pese aos recortes e axustes, incrementáronse en 17.000 millóns. Ao parecer a culpa principal volve a estar nas grandes débedas das comunidades autónomas (o café para todos), xaqueca que sufre España pero que a clase política, que tan ben vive así, négase a tratar utilizando cataplasmas e panos quentes.


Só a suba do IRPF cumpríu os obxectivos de recadar máis, o que é lóxico, pero aínda asi o alza non dará para compensa-las menores recadacións acadadas ata agora, debidas tamén á caída dos impostos indirectos, como os carburantes e o alcohol, entre outros, ou sexa á caída do consumo, que se está volvendo alarmante de verdade e que só pode conducir ao incremento do paro. Estou convencido que subi-los impostos non é ningunha solución senón todo o contrario, é agudiza-lo problema e a crise. Está a ocorrer en Italia, ao borde do abismo, o mesmo que España, en Francia, e nos países xa rescatados economicamente dende Bruselas. En Portugal, cunha nova e importante rebaixa salarial, os cidadáns lanzáronse á rúa a protestaren. Pero de políticas de crecemento, como fixo Alemania rebaixando os impostos, tampouco se quere oír falar.


Asi andan as cousas, sen solución. Para pasar páxina. Menos mal que aínda nos queda Internet, coa nova páxina web da Casa Real, na que, increiblemente, segue Urdangarin, ao que por riba, se adorna cunha ambigua biografía, rebaixada o día despois, resaltando o seu interese polas causas sociais e deportivas. En definitiva, non se lle ve a a este país, a curto prazo, unha esperanzadora solución.

Te puede interesar